A Xunta de Galicia convoca a sétima edición do circuíto Cultura no Camiño para os concellos das 10 rutas xacobeas
O DOG publica hoxe as bases das axudas para a contratación de actuacións escénicas e musicais no marco deste programa, da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración cos municipios adheridos e co patrocinio de Gadis
O prazo de solicitude abrirase desde mañá ata o 24 de maio
Infogauda / Santiago de Compostela
O Diario Oficial de Galicia
(DOG) publica hoxe a convocatoria da sétima edición do circuíto Cultura
no Camiño, dirixida a todos os concellos polos que discorren as
diferentes rutas xacobeas en Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo
xestiona esta programación de artes escénicas e de música, para a que
conta coa colaboración dos municipios adheridos e co patrocinio de
Gadis.
Como novidade en 2019, o apoio económico á contratación das
actuacións artísticas no marco desta iniciativa regúlase mediante a
concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para
as que se reserva un orzamento de 324.000 euros, a través da Axencia
Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Turismo de Galicia. O
prazo de solicitude para os concellos interesados en participar na
convocatoria deste ano abrirase desde mañá ata o vindeiro 24 de maio na sede electrónica da Xunta.
Segundo
as bases, este circuíto mantén como obxectivo desde as súas orixes
contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago
nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como
período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de
setembro. “Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público
diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que
poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e
formatos, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos
espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia”, especifica a
resolución publicada hoxe no DOG.
Nela establécese, ademais, que o
financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou
maxia contratadas ao abeiro de Cultura no Camiño asumirase de xeito
compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes
porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade: a
subvención será dun máximo de 3.500 euros para os concellos de máis de
20.000 habitantes e de ata 2.500 euros para os que teñan unha poboación
menor.
Poderán solicitar estas axudas todos os concellos situados
nalgunhas das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente: Camiño Francés,
de Fisterra e Muxía, Vía da Prata, Inglés, Primitivo, do Norte, de
Inverno, Portugués, Portugués da Costa e Ruta do Mar de Arousa e Río
Ulla.
En paralelo, a Agadic mantén aberta ata o 26 de abril a
convocatoria de inscrición de propostas artísticas para aquelas
formacións galegas de carácter profesional (compañías escénicas ou
grupos de música) que queiran formar parte do catálogo a partir do que
os programadores dos concellos inscritos deseñarán as súas carteleiras
dentro de Cultura no Camiño. Neste caso, o trámite debe realizarse a
través do web www.galescena.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario