8 de abr. de 2019

CANGAS DO MORRAZO

DOA Saúde Mental proxecta mañá unha curtametraxe participativa realizada por persoas con problemas de saúde mental 

• A peza é o resultado dun obradoiro de vídeo participativo realizado no marco do Programa Más Social, promovido pola Fundación Barrié, no que as persoas usuarias foron as protagonistas de todo o proceso creativo, dende a concepción da idea ata a rodaxe e a interpretación. 

• A proxección, que se realizará este martes 9 de abril ás 20:30 no Auditorio Municipal de Cangas dentro do ciclo de teatro CITEAMOR, será a preestrea dun lanzamento en redes que terá lugar o 16 de abril.
  

 Equipo de rodaxe curta Se Vende
  
Ana Escrigas Rodríguez / Cangas do Morrazo

 Un grupo de persoas usuarias da asociación DOA Saúde Mental presentará este martes 9 de abril, a curtametraxe participativa “Se vende”. A proxección realizarase no marco do Ciclo de Teatro Amateur do Morrazo, CITEAMOR, despois da representación da obra teatral “Taxi Driver” que interpretará o grupo de teatro da asociación, Furafollas Teatro. 


 Fotograma da curtametraxe “Se vende”

 A curtametraxe “Se vende” é o resultado dun obradoiro de vídeo participativo realizado durante dous meses en DOA Saúde Mental, realizado no marco do Programa Más Social, promovido pola Fundación Barrié. Os participantes do taller, persoas con problemas de saúde mental, adquiriron as ferramentas e coñecementos necesarios para contar as súas historias a través do audiovisual, executando todo o proceso dende a concepción da idea ata a rodaxe e a interpretación. 

 O resultado desta experiencia foi unha curtametraxe de terror que conta a historia dun fotógrafo dunha axencia inmobiliaria, o cal ten a encarga de fotografar unha casa onde comezan a producirse sucesos estraños. Para a elaboración desta peza, os usuarios de DOA Saúde Mental exploraron a súa realidade, compartiron preocupacións e intereses e aprenderon a contar historias dende a súa perspectiva. 

 Este martes será a primeira vez que DOA Saúde Mental presente esta peza a un público externo á asociación. A proxección irá acompañada do lanzamento dun making off que explica como se fixo a curtametraxe e cales foron as impresións e as experiencias das persoas participantes. Pola súa banda, a estrea na Internet será o martes 16 de abril, día en que a peza será subida á canle de Youtube de DOA Saúde Mental. 

Vídeo participativo: como dar voz ás persoas máis invisibilizadas 

 O vídeo participativo é unha metodoloxía de traballo que pretende promover a participación social e o empoderamento de persoas en risco de exclusión. No taller realizado no marco do Programa Más Social, promovido pola Fundación Barrié, os usuarios de DOA Saúde Mental mergulláronse na linguaxe audiovisual, aprenderon a construír un relato, a darlle forma de vídeo e a executar a súa propia peza.  


 Rodaxe curta Se Vende

 Durante todo este proceso, os participantes convertéronse en axentes activos de comunicación, elaborado de forma autónoma os seus propios contidos e creando para iso un grupo de traballo onde todos tiñan algunha función. Unha vez rematada a formación, os usuarios adquiriron unha serie de coñecementos e ferramentas que lles permitirán seguir aplicando esta metodoloxía nas actividades e dinámicas da asociación.  

DOA Saúde Mental 

 A asociación DOA Saúde Mental naceu en 1987 para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, defender os seus dereitos e representar aos seus asociados. Conta con centros en Vigo e Cangas, traballando en torno a un modelo de atención de base comunitaria e xerando mecanismos de normalización. DOA Saúde Mental é unha entidade de acollida, apoio, autoaxuda, atención e representación das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, preocupada por proxectar interna e externamente un discurso normalizador sobre esta realidade. 

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. O seu obxectivo principal é a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario