A BANDA DE MÚSICA AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA CELEBROU SEU CONCERTO DE PRIMAVERA
Cunha lembranza póstuma á Castelar Piedra Pérez
No evento tamén participou o Coro do Conservatorio de Música de A Guarda
Vista parcial dos compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda gardando un minuto de silenzo en lembranza de Castelar Piedra Pérez
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda celebrou este sábado día 27 de abril de 2019, unha nova edición do Concerto de Primavera, en cuxa segunda parte, participou o Coro do Conservatorio de Música de A Guarda.
David Álvarez Mariño na súa intervención
Vista parcial do respectable público que ateigaba a planta baixa da Casa dos Alonso, no minuto de silenzo en homenaxe póstuma a Castelar Piedra Pérez
O concerto, que tivo lugar na Casa dos Alonso, comezou cunha salutación de David Álvarez Mariño, presidente da Agrupación Musical de A Guarda, que en nome da xunta directiva, pregou un minuto de silenzo en lembranza de Castelar Piedra Pérez, músico de San Xoán de Tabagón (O Rosal), que foi compoñente da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, e que faleceu en Valladolid, o pasado día 15 deste mes. Por ese motivo, tanto os compoñentes da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, como o respectable público que ateigaba a planta baixa da Casa dos Alonso, postos en pe, tributáronlle o inesquencible Castelar esa sinxela homenaxe póstuma, que foi rubricada con fortes aplausos.
E a continuación daría comezo o Concerto de Primavera, no que a Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, dirixida polo profesor Víctor Luis Alonso Treinta, interpretou o seguinte programa:
"Agüero", de José Franco Ribate
"Les Miserables", de Claude-Michel Schönberg
"Cançôes da Tradiçâo" (Rapsodia portuguesa), de Luis Cardoso
"Autumn Leaves", de Joseph Kosma
"Noites de lúa na praia", de Ernesto Campos
Gaita solista: Sara Márquez Rodríguez
Compre salientar que antes de interpretar "Noites de lúa na praia", o director Víctor Luis Alonso pronunciou unhas sentidas verbas sobre o amigo Castelar Piedra Pérez, salientando súa bonhomía, seu saber estar, súa sinxeleza,..., e agradecendo tamén, o apoio que recibiu del cando comezaba súa andaina.
Víctor Luis Alonso referiu tamén seu sentemento pola perda física do amigo Castelar, recentemente falecido aos 88 anos de idade, e adicoulle este Concerto de Primavera.
As verbas do director da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda foron correspondidas con sonoros aplausos de tódolos presentes.
E deseguido disfrutaríamos cos sons da obra "Noites de lúa na praia", de Ernesto Campos, no que interviu como gaiteira solista Sara Márquez Rodríguez, que ao igoal que tódolos compoñentes da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, tivo unha magnífica actuación, sendo felicitada con agarimo polo director.
Coro do Conservatorio de Música de A Guarda
A continuación, logo dun breve descanso, chegaría o turno do Coro do Conservatorio de Música de A Guarda, que formado por unha treintena de voces mixtas, e dirixido polo profesor Bruno Díaz González, interpretou o seguinte programa:
"Maio longo", de José Baldomir (Arranxos: Juan Durán)
"Singing all together", de K. Stannard
"Pizza Hut" (Tradicional)
"El baile de las frutas" (Tradicional). Adaptación texto: Basilo Astulez
"Capitán, mi capitán", de Josu Elberdin
"Akahijana" (Tradicional xaponesa)
"Kambon pakangak pagoz", de David Azurza
"Bingo" (Tradicional)
"Scooby Doo", de Susie Davies
Correspondendo os aplausos do respectable público, o Coro do Conservatorio de Música de A Guarda fixo un bis, dando así por rematado o Concerto de Primavera, no que quedou de manifesto que tódolos asistentes disfrutaron co programa elexido por ambas agrupacións.
Nosos parabens a tódolos músicos e coralistas, así como a gran familia da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda e do Coro do Conservatorio de Música de A Guarda, por brindarnos ese magnífico Concerto de Primavera.





Ningún comentario:
Publicar un comentario