23 de abr. de 2019

A GUARDA

Aberto o prazo de solicitudes para os Campamentos de Verán 2019, da Xunta de Galicia


Infogauda / A Guarda

 A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades da Campaña de Verán 2019, ofértanse 9.834 prazas para mozas e mozos de 9 aos 30 anos en campamentos, campos de voluntariado, programas de intercambio con outras comunidades e actividades concertadas.   

 Poderán participar as mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero. 

 Esta nova campaña de verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot. 

Accións de voluntariado 

 Tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, un mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: Vía da Prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.  

Requisitos: 

 -Os/as nacidos/as no ano 2001 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento. 

 -Os/as nacidos/as no ano 2010 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento. Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano. 

 A adxudicación das prazas será por sorteo.  

 As familias monoparentais con certificado terán un desconto do 50%. 

 As familias que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50%.

 As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25%.

 O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de maio.

 Máis información na OMIX da Guarda ou na web de xuventude da Xunta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario