FESTA DOS CALLOS
A segunda edición incrementa nun 50% os quilos preparados na primeira
· A cita gastronómica celebrarase o 10 de marzo na Praza do Seixo. Repartiranse unhas 3.000 racións, e arredor de 1.200 quilos
A alcaldesa Sandra González, durante a presentación da II Festa dos Callos, celebrada no Salón de Plenos do Concello, na tamén
participaron os concelleiros de Deportes, Ismael Troncoso, e de Medio
Rural, Lois Vázquez, así coma o presidente do club, Manuel Vila
Foto: C. T.
Infogauda / Tomiño
O Tomiño F.C. organiza o vindeiro domingo, 10 de marzo, a segunda edición da Festa dos Callos, unha cita gastronómica nacida co fin de recadar fondos para o club, e á vez ampliar a oferta de actividades da axenda da vila. Os organizadores víronse obrigados a incrementar nun 50 % tanto os quilos de preparación, coma o número de racións, tendo en conta os resultados de participación e venta da 1ª edición, celebrada hai un ano.
Tras a boa acollida da edición anterior, a festa segue a ser concibida coma “unha forma de encher de vida e dinamizar a vila, ao tempo que se apoia ao deporte tomiñés”, segundo explicou a alcaldesa Sandra González Álvarez, durante a presentación da II Festa dos Callos, celebrada no Salón de Plenos do Concello. Nesta presentación tamén participaron os concelleiros de Deportes, Ismael Troncoso, e de Medio Rural, Lois Vázquez, así coma o presidente do club, Manuel Vila. Este último, agradeceu o apoio de todas as entidades implicadas e amosouse satisfeito polo respaldo popular acadado e o feito de poder dar continuidade á cita gastronómica e mellorala cada ano.
Esta 2ª edición levarase a cabo, coma na anterior, coa colaboración do Concello de Tomiño e da empresa Coren; Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Barrantes; panaderías Manuel López, Camiño Novo, Parroquiñas, Currás, Tomipan e Flor y Nata; e firmas coma MRDixital, Día Tomiño e Quicelco.
1.200 quilos de callos
A organización espera repartir sobre 3.000 racións durante a festa, arredor de 1.200 quilos de callos, que poderán empezar a degustarse o domingo 10 de marzo dende as 09.00 horas.
En caso de que o tempo non acompañe, e para maior comodidade dos comensais, a organización habilitará unha carpa na rúa A Guarda, a carón da Praza do Seixo, no centro de Tomiño.
A festa terá prezos populares, dando á xente que se achegue, a posibilidade de comer os callos na propia carpa, ou ben, de compralos para levar. No primeiro caso o prezo será de 8 euros, incluído callos, pan, viño ou auga, e cazola e cunca conmemorativas de barro. As racións para levar, costarán 5 euros e incluirán o mesmo que as outras, menos cazola e cunca. Neste sentido, poderase traer un táper de casa ou ben, mercar un ao prezo de 1 euro.
Amenizará a festa a Treboada “Baixo Miño” e, se o tempo o permite, actuará ás 12 do mediodía, a Escola de Danza “Adeixa Dance School” de Vila Nova de Cerveira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario