Nava Castro comparte na principal feira de turismo ornitolóxico a oferta galega, con máis de 100 roteiros nas catro provincias
A directora de Turismo de Galicia asistiu onte no Parque Nacional de Monfragüe, en Estremadura, ao certame turístico máis importante do sector en España
Galicia participa cun ‘stand’ desde o que se ofrece información de produtos turísticos impulsados pola Consellería de Cultura e Turismo como ‘Galicia Birding’
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, visitou onte a
Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO
Foto: X. G.
Infogauda / Serradilla (Cáceres)
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, visitou onte o principal certame de turismo ornitolóxico, a
Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, que se celebra no Parque
Nacional de Monfragüe, en Estremadura, e na que Galicia participa cun
stand no que visitantes e profesionais poden coñecer a oferta
ornitolóxica galega con máis de 100 roteiros polas catro provincias.
Ademais, a directora mantivo un encontro co director xeral de Turismo de
Estremadura, Francisco Martín Simón.
A Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando desde hai varios anos experiencias como Galicia Birding,
que achega as múltiples posibilidades que a nosa Comunidade ofrece para
o turismo ornitolóxico e permite coñecer os espazos de alto interese
ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa
xeografía.
Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e
deste xeito permite atopar zonas de litoral e mar aberto, áreas
agrosilvopastorís, canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas,
humedais interiores e contornas urbanas. Destes espazos, doce áreas
destacan pola súa maior potencialidade: Zonas húmidas da Terra Chá, Rías
de Ribadeo e Foz, Ría de Ortigueira e Cariño e Estaca de Bares, Costa
da Morte, O Grove e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas
Atlánticas de Galicia, A Guarda e o esteiro do río Miño, Os Ancares e Montes
de Cervantes, Oímbra, Monterrei e Verín, A Limia, Canón do Sil, Serra
de Enciña da Lastra e Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés.
En total Galicia Birding
propón 148 roteiros e identifica 600 puntos destacados desde o punto de
vista ornitolóxico. A páxina web de Turismo de Galicia inclúe
información detallada de cada un dos roteiros e as aves máis
características, un importante banco documental de fotografías cunhas
1000 imaxes así como unha sección dedicada aos fenómenos e espazos de
interese ornitolóxico máis destacados mes a mes co fin de orientar aos
observadores ao longo do ano. Así mesmo, outras seccións como consellos
sobre como iniciarnos na observación de aves, un código ético para
asegurar un comportamento respectuoso e sostible, ou información sobre
os recursos naturais de interese.
Organizado pola Junta de
Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do
seu xénero no sur de Europa e constitúe unha cita obrigada para todos os
especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario