28 de feb. de 2019

O ROSAL

A Xunta de Galicia culmina as obras de mellora da estrada PO-353 entre Pancenteo e Marzán, nas que investiu preto de 1,3 millóns de euros  

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o acondicionamento da vía autonómica 
 
A intervención abarca unha extensión de 2,2 quilómetros e permitiu reforzar o firme e aumentar a plataforma desta vía ata os 7,5m de ancho

Renovouse e ampliouse a beirarrúa na zona de Pancenteo e incorporouse unha senda peonil fora do tramo de travesía, entre o punto quilométrico 3+660 e o 5+36  

As obras da Xunta aproveitáronse tamén para a renovación da drenaxe e a sinalización existente na vía  

O departamento que dirixe Ethel Vázquez contratará antes de verán a redacción do proxecto da segunda fase desta actuación no treito de 2,3 quilómetros de Marzán a Fornelos, cun orzamento estimado de 1 millón de euros


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de mellora realizadas na estrada de titularidade da Xunta PO-353
Foto: X. G.

Infogauda / O Rosal

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de mellora realizadas na estrada de titularidade da Xunta PO-353, ao seu paso polo concello do Rosal, que xa están a facilitar a mobilidade dos veciños en condicións de maior seguridade viaria.

 Esta intervención financiada polo departamento de Infraestruturas da Xunta, cun investimento de case 1,3 millóns de euros, posibilitou o acondicionamento deste vial, no treito entre Pancenteo e Marzán.

 Os traballos executados, e que se estenderon ao longo de algo máis de 2,2 quilómetros desta estrada autonómica, incluíron a ampliación da súa plataforma, a mellora do firme, a incorporación de beirarrúas e sendas peonís, así como o acondicionamento da drenaxe e a sinalización existente.

 Máis en detalle, a primeira parte da intervención consistiu na mellora de sección da estrada PO-353 aumentando a plataforma existente ata os 7,5m de ancho, e axustándose en planta e alzado á estrada actual. E renovouse e ampliouse a beirarrúa existente na zona de travesía ao seu paso por Pancenteo, entre os puntos quilométricos 3+150 e 3+660.

 Cabe salientar tamén entre as actuación, a incorporación dunha senda peonil fora do tramo de travesía, entre o punto quilométrico 3+660 e o 5+360, permitindo a segregación do tráfico peonil do tráfico rodado, para unha mobilidade máis segura dos veciños nos seus percorridos a pé.

 As obras da Xunta aproveitáronse ademais para a renovación da drenaxe lonxitudinal do vial, cunha cuneta de seguridade revestida e ampliación das drenaxes transversais existentes debido á ampliación da plataforma. Nas zonas de travesía como Pancenteo, optouse por unha rede de colectores que recollen as augas pluviais mediante sumidoiros.

 Esta intervención veuse completada co reforzo do firme, e a renovación da sinalización, balizamento e defensas ao longo deste tramo do vial autonómico no concello do Rosal.

 O departamento que dirixe Ethel Vázquez ten ademais previsto contratar antes do verán a redacción do proxecto da segunda fase desta actuación, no treito de 2,3 km de Marzán a Fornelos, que incluiría o alumeado de aproximadamente 2,3. A intervención ten un orzamento estimado de 1 millón de euros.

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar cos concellos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos cidadáns e fomentar o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario