20 de feb. de 2019

AS NEVES

Carmela Silva visita nas Neves a ampliación do Centro Cultural De Rubiós, unha obra financiada pola Deputación con medio millón de euros  

A presidenta provincial resaltou que "a este novo Goberno lle enchen de orgullo actuacións en clave democrática como esta que amais está ligada á cultura"


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá, xunto ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, integrantes do goberno municipal e o deputado provincial Santos Héctor, as obras de ampliación do Centro Cultural de Rubiós
Foto: D. PO.

 Infogauda / As Neves

  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá, xunto ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, integrantes do goberno municipal e o deputado provincial Santos Héctor, as obras de ampliación do Centro Cultural de Rubiós, unha actuación que conta cun orzamento de 499.457,75 euros e que está financiada na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, 399.566,20 euros ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o restante a través do Plan Concellos.  

 Durante a visita, Carmela Silva mostrouse "encantada de que os concellos garantan os servizos a toda a veciñanza e especialmente neste caso no que falamos dun centro ligado á cultura, un instrumento fundamental de desenvolvemento económico e social". Tamén engadiu que obras como esta son "actuacións en clave democrática que enchen de orgullo á nosa Deputación". Amais, a presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou ao goberno municipal das Neves por levar a cabo un proxecto transformador que a veciñanza exixe e valorou a cordialidade do concello das Neves "especialmente nestes tempos de confrontación e de crispación". Silva engadiu que ""desde a nosa chegada ao goberno estamos a facer  un enorme esforzo para que todos os concellos da provincia teñan recursos repartidos con equidade e nesta liña temos un firme compromiso co concello das Neves, onde investimos preto de 4 millóns durante mandato".  

 Pola súa parte, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, aproveitou o acto para facer público o seu agradecemento a Carmela Silva, afirmando que "este novo Goberno da Deputación de Pontevedra supón un antes e un despois na xestión pública municipal e nós estamos encantados de que tomasen a valente decisión de crear plans como o Plan Concellos para sexamos os concellos os que xestionamos os cartos en función das necesidades dos veciños e veciñas".  

 A actuación visitada este mércores dota ao Centro Cultural de Rubiós de tres salas polivalentes. Amais, ampliase o escenario, que incorporará un camerino-almacén; acondicionase a parcela norte como aparcadoiro, e mellorase a accesibilidade e a comunicación dos edificios.  

 Respecto á obra, Xosé Manuel Rodríguez explicou que "quixemos aproveitar o Plan de Reequilibrio para construír un instrumento social" e engadiu que "estamos a falar dun equipamento musical que non está no centro da vila, senón que está no centro musical da nosa vila, Rubiós, onde ten sentido que estea. Polo tanto estamos a levar a cabo un gran proxecto que servirá para cubrir as necesidades da nosa veciñanza e que servirá para que a nosa sociedade poida seguir formándose e ampliando o seus coñecementos".  

4 millóns de euros nas Neves no que vai de mandato  

 A Deputación de Pontevedra, presidida por Carmela Silva ten investido no concello das Neves preto de 4 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación.  

 Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, As Neves puido financiar estes anos un total de 39 obras por máis de 2 millóns de euros, e ao abeiro da Liña 3 de Emprego o goberno local puido contratar a 57 persoas desempregadas para traballar no concello.  

 Amais, co vixente Plan Concellos 2019, As Neves dispón de máis de medio millón de euros (556.434,20 euros), un 2,9% máis que en 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario