3 de xan. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIARÁ AS OBRAS DA RÚA DA GÁNDARA EN SALCEDA DE CASELAS O VINDEIRO LUNS DÍA 7  

· O deputado Uxío Benítez  explica que as obras permitirán que a estrada se integre no parque da Gándara e incluirán medidas de calmado de tráfico 

Infografía da previsión do rematado das obras na rúa Gándara
Imaxe: D. PO.

Infogauda / Salceda de Caselas

 A Deputación de Pontevedra iniciará as obras da rúa da Gándara en Salceda de Caselas despois das vacacións de Nadal. 

 Segundo explica o deputado de MobilidadeUxío Benítez, a actuaciónno treito urbano da estrada provincial EP-2505 estaba prevista para o mes de decembro, sen embargo, debido á mala climatoloxía con continuas chuvias e ao parón do sector das construción durante as festas decidiuse adiar o inicio da actuación para comezar a pleno rendemento a partir do día 7 de xaneiro. Segundo explica Benítez a empresa Caldevergazo S.L., adxudicataria da obra, terá un prazo de execuciónde seis meses contados a partir dende o inicio dos traballos, que suporán a creación dun novo espazo de grande calidade urbana no que a rúa quedará integrada co parque da Gándara cun deseño novidoso en plataforma única. 

 As obras na rúa da Gándara abranguerán 350 metros lineais da estrada,comezando no cruce coa estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. Construiraseunha nova glorieta para ordenar e calmar o tráfico, e despois realizarase unha reurbanización cunha plataforma única que permitirá a peóns e coches circular polo mesmo nivel. Ademais, a rúa pasará a estar integrada no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual coa intención de crear un novo espazo recuperado e continuo para o disfrute da cidadanía.  

 Benítez apunta que a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peónsdende a zona do aparcamento disuasorio existente ata chegar ao túnel. A partir deste paso crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará a través dunha nova ponte de madeira coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez. Outro punto importante será a instalación de elementos de calmado de tráfico (seis os pasos de peóns sobreelevados)para facilitar os tránsitos peonís, xa que a zona é frecuentada pola veciñanza e sofre grande cantidade de accidentes de tráfico.  

 A actuación comezará en dous puntos simultáneamente, con un equipo na zona superior da vía, soterrando os servizos de telefonía e electricidade e outro equipo na zona do regato, construíndo o voladizo da nova pasarela peonil.  

 A actuación en Salceda de Caselas impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación realizarase grazas a un convenio de colaboración asinado entre a institución provincial, que aportará o 70% dos fondos, e o Concello, que sufragará o 30% do custe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario