TURISMO
A ASOCIACIÓN DE TURISMO RURAL MUXÍA NATURAL E O CONCELLO DE MUXÍA PRESENTARON NA DELEGACIÓN DA XUNTA O PROXECTO “MUXÍA. CAMIÑANDO CARA Ó MAR”
Unha iniciativa de turismo vacacional, de gastronomía, saúde e natureza
De esq. a der.: Ricardo García Mira, Óscar López Guitián, José Ramón Ónega, Félix Porto Serantes, Francisco Canabal López e Manuel Jesús Lema Caamaño, durante a presentación
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Asociación de Turismo Rural Muxía Natural, en colaboración co Concello da localidade coruñera de Muxía, presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o proxecto “Muxía. Camiñando cara ó Mar”, unha iniciativa de turismo vacacional, de gastronomía, saúde e natureza enmarcado na etiqueta # Muxia destinoslow. “A través do cal quérese dar a coñecer Muxía como un destino de turismo experiencial, ao redor dos recursos mariños, que pretende poñer en valor o turismo, a gastronomía, os recursos locais náuticos-recreativos, culturais e a biodiversidade da zona de Muxía”, explicou o presidente da Asociación.
Participaron na presentación Óscar López Guitián, presidente da Rede Nacional de Paradores, Ricargo García Mira, deputado nacional pola Coruña, Francisco Canabal López, vicepresidente da Asociación e responsable do Clúster de Turismo de Galicia, Félix Porto Serantes, alcalde de Muxía, Manuel Jesús Lema Caamaño, presidente de Muxía Turismo Rural, e José Ramón Ónega López, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia.
Ónega dió a benvida aos presentadores e ao público que asistiu e afirmou a vocación mariñeira de Muxía, así como a turística pois, dixo, coñece os seus valores, a beleza das súas paisaxes e os sabores da súa gastronomía e quere compartilos cos visitantes.
O público completou o aforo da sala
Ao comezo da presentación proxectouse un vídeo de sete minutos sobre o proxecto tras o cal Lema Caamaño explicou que “Muxía. Camiñando cara ó mar” é unha acción de dinamización turística promovida polo Concello de Muxía e cofinanciada polo Fondo Europeo de Pesca, a Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través do Grupo de Acción Costeira zona 3 - Costa da Morte (GAC 3), que a Asociación Muxía Natural Turismo Rural poñerá en valor durante este ano 2019.
Expuxo así mesmo que o proxecto ten tres liñas de actuación que se basean no slogan “Muxía, historia, tradición e cultura”. A primeira encamíñase a tres rutas, con códigos QR, nas que o visitante dispón dun audioguía (en español, galego e inglés) que lle explica os lugares por onde transcorre. Estas tres rutas son: no ámbito cultural, a Ruta do Perello, que transcorre pola vila de Muxía e ten o seu comezo e final no santuario da Virxe da Barca; no histórico, unha ruta que nos leva ao Mosteiro de Moraime, a Igrexa de San Xiao de Moraime, do século XII, e o Mosteiro de San Martiño de Ozón, con explicación dun do hórreo máis grandes de Galicia; e a Ruta da morte do sol que se pode facer en coche, bicicleta ou por tramos a pé, xa que ten 29 quilómetros de lonxitude, nos que se pode divisar a fauna da Buserana, a ribeira de Moreira, o mítico cabo Touriñan e o seu último atardecer de Europa e a praia de Nemiña.
A segunda liña de actuación baséase en experiencias turístico-pesqueiras, que ofrecen ao visitante a posibilidade de ser percebeiro ou mariñeiro por un día. A terceira é gastronómica, cun selo de calidade de Muxía cociña, nela os restauradores elaboran pratos propios con produtos exclusivamente do mar e a terra de Muxía, como o congro curado de Muxía, unha elaboración artesanal única no mundo.
Porto Serantes explicou que os eixos principais do Concello de Muxía no ámbito turístico para os próximos anos son o turismo de calidade e o Camiño de Santiago. “Apostamos por estes dous segmentos porque consideramos que xeran riqueza e traballo e dinamizan a vida cotiá do noso pobo”, sinalou, referíndose tamén á próxima apertura do Parador de Muxía que “será unha fonte de riqueza e postos de traballo, non só para Muxía se non para toda a Costa da Morte”. Do proxecto “Muxía. Camiñando cara ó Mar”, o alcalde dixo que “está pensado para poñer en valor o noso patrimonio adaptado ás novas tecnoloxías”. “Muxía conta cun patrimonio natural, paisaxístico e arquitectónico dunha enorme riqueza, pero neste proxecto quixemos mostrar os seus bens inmateriais, as lendas, un mar de experiencias que propoñemos aos nosos visitantes a través de el”.
López Guitián, explicou a fase na que se atopa o Parador de Lourido, “un edificio situado nun lugar privilexiado”, “nunha costa virxe e espectacular, por onde transcorre o Camiño de Santiago”. “O proxecto deste parador está deseñado para que non teña impacto ambiental, é un edificio que vai mergullado na ladeira, coidouse o seu deseño e practicamente non se visulizará desde a distancia”, sinalou, destacando tamén o impacto da apertura dun parador na comarca e a repercusión económica que achega á zona a través das súas ofertas (eventos, spa, reunións e celebracións) así como “as accións que temos previstas para integrarnos na Costa da Morte e involucrar aos sectores turísticos na nosa gestion”.
Canabal falou da Asociación de Turismo Rural Muxía Natural, incluída recentemente no Clúster de Turismo de Galicia, no que é a única de ámbito local, e a súa aposta para a tempada 2019. Na súa intervención estivo moi presente a Igrexa de San Xiao de Moraime, que será este ano o centro neurálxico, histórico e cultural de Muxía, paso do Camiño de Santiago e unha das apostas de promoción e traballo tanto do Concello como desta asociación, de fronte ao Xacobeo 2021. Referiuse á “recente apertura dun punto de información turística de Moraime que será o punto de información da Asociación, desde o que vertebrarán os seus paquetes turísticos e as visitas guiadas que se expoñen neste proxecto”.
Pola súa banda, García Mira referiuse ao desenvolvemento da comarca da Costa da Morte e de Muxía en particular no ámbito do turismo e dos camiños que chegan ata ela e ao turismo en si como medio de riqueza, de vida e de desenvolvemento rural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario