Estivo Eliot Elisofon na Guarda?
Proxecto Socheo / A Guarda
Tras saír nas redes sociais varias fotos relacionadas con Eliot Elisofon distintas persoas indicáronme as súas dúbidas sobre se este afamado fotógrafo puidera ou non estar na Guarda. A falta de fontes directas (escritas ou orais) que o certifiquen vou facer un pequeno informe para por sobre a mesa como está a cuestión.
Antes de nada dicir quen era Eliot Elisofon para fixar exactamente a súa importancia. Nado en Nova Iork, en 1911. A súa orixe familiar humilde levouno a ver a realidade con outros ollos intentando que no seu traballo o reflectise a condición humana. Membro fundador da Photo League onde fotógrafos estadounidenses uníronse en causas sociais e creativas comúns. Publica na revista Life desde 1937 e se converte nun referente mundial do fotoxornalismo con reportaxes arredor do mundo destacando os que fixo sobre África, cambiando a visión que se tiña sobre este continente. Tamén foi famoso por retratar a vida de Hollywood e colaborar con directores como Alfred Hichtcock e John Houston. Finou en 1973.
Entramos en materia. O que indica que Elisofon estivo na Guarda é a identificación en internet de fotos atribuídas a Elisofon e onde se recoñece A Guarda.
Estas son as coñecidas:
E estas son as que apareceron tras unha pesquisa de urxencia (pode haber algún erro ou faltar algunha pasada por alto):
Estas fotos, como se poden comprobar, aparecen no fondo que ten Google Arts & Culture, polo que é de confiar na súa autenticidade, aínda pode caber a posibilidade de que tal insignie fotógrafo puidera ter un axudante. E ollo!, nas descripcións das fichas nunca aparece sinalado o lugar concreto da foto e sí o xenérico de España. Este último dato resulta interesante xa que poden aparecer máis fotos a descubir por ollos máis avezados.
Pódense datar dunha maneira máis precisa. Sábese que estivo en Portugal (por fotos datadas con exactitude) durante o mes de setembro de 1948, concretamente sabemos que o día 8 estaba en Portugal, en Nazaret. Tamén hai fotos do Porto e de Aveiro. E, despois, hai fotos de Cádiz tamén en setembro e tamén, en setembro, hai fotos do cadro El Jardín de las delicias del Bosco que está no Museo do Prado en Madrid. Polo que o máis probable é que Elisofon estivera na Guarda a mediados a finais de agosto ou principios de setembro.
Este periplo fixoo para facer o reportaxe Atlantic Coast of Europe na revista Life, publicado o 13 de xuño de 1949. Seica percorreu máis de 12.000 kms en barco e en coche. No ano 1947 xa fixera un reportaxe na revista Life sobre os faros en Atlanctic Coast Ligh.
Sábese, por fotos súas, que en Galicia estivo na Coruña, Vigo, e Baiona. Hai outras fotos con elementos que nos fan supor que son en Galicia, como folios dos barcos, descarga de peixes... Tamén hai motivos que se repiten como retratos, redes secando e boureis. Varias destas fotos puideron sacarse na Guarda pero deixamos a outros pesquisadores que cercioren estas posibilidades.
Como conclusión estaría ben coñecer máis sobre esta estancia de Elisofon na Guarda e intentar localizar algún dos moitos rapaces que saen nas fotos e que contasen algo da sesión fotográfica, algunha característica do fotógrafo ou se estivo hospedado nalgunha pensión ou hotel na Guarda. Os esforzos deben ir nesta dirección e constatar dunha maneira aínda máis fidedigna a estancia de Eliot Elisofon (un dos mellores fotógrafos do mundo) na Guarda.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario