Actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”
Juan Morandeira Vázquez asesorou a comerciantes guardeses
De esq. a der.: Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo, Facenda, Desenvolvemento Económico, e deputada provincial de Emprego; Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, e Juan Morandeira Vázquez, experto en deseño de interiores e de espazos comerciais
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda continúa neste mes de xaneiro as actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza de balde.
O luns día 14 de xaneiro celebrouse a segunda charla deste ciclo sobre «Novas tendencias en deseño de espazos comerciais», na que se contou coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, ex responsable de imaxe de marca dunha empresa téxtil galega durante 8 anos; CEO dun estudo de deseño e interiorismo, e experto en deseño de interiores e de espazos comerciais cunha ampla traxectoria neste campo.
Vista parcial dos asistentes a charla de Juan Morandeira
Os asistentes puideron coñecer de preto as principais novidades e tendencias no deseño de interiores e escaparatismo, unha charla moi participativa na que Juan Morandeira explicou moitas das novidades do sector e cómo trasladalas ás empresas guardesas.
Grazas á súa ampla experiencia asesorou aos comerciantes e empresarios guardeses no deseño e organización dos espazos de venda dos seus negocios. Os asistentes preguntaron as súas dúbidas sobre como organizar e dispor os seus produtos para chamar máis a atención dos seus clientes e aumentar deste xeito as probabilidades de venda e o seu éxito comercial e empresarial.
O luns 21 de xaneiro, de 15:00 a 16:45 horas, terá lugar vindeira charla sobre «Innovación no cara a cara co cliente», que realizarase na Casa dos Alonso. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, licenciada en Psicoloxía; formadora e desde fai 4 anos está ao fronte dunha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.
Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonso unha charla sobre «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de proxectos de Consultoría e Innovación na cidade de Pontevedra.
Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.
Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.
No pasado mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.
“Comercio Innova Plus” conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario