A XUNTA DE GALICIA APOIA CON 58.200€ A CONTRATACIÓN DE 5 TÉCNICOS DE EMPREGO EN CONCELLOS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO
· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Rede de Técnicos de Emprego axuda ás empresas a desenvolver os seus proxectos
· As axudas repartiranse entre os concellos de Tomiño, O Rosal, Oia, Tui e A Guarda
· O obxectivo desta medida, que forma parte da Axenda 20, é favorecer nos municipios, con especial atención ao rural, a promoción da actividade empresarial e colaborar coas asociacións que máis o precisan para a inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia vén de resolver as axudas para apoiar nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio. Tal e como destacou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano 58.200 euros para seguir impulsando a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia na comarca do Baixo Miño.
Con esta iniciativa, apóiase a contratación e o mantemento de 5 axentes especializados na promoción do emprego. As axudas repartíronse entre os concellos de Tomiño, A Guarda, Tui, Rosal e Oia.
Cores Tourís destacou que o obxectivo desta actuación é “contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social”.
O Goberno galego, destina, a nivel autonómico 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga de 214 axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.
A contía máxima dos apoios que se concederon por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tívose en conta a media de paro rexistrado no ano 2017 no concello que solicitou o apoio.
Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.
O impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. O impulso da Rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario