5 de dec. de 2018

SANIDADE

O COMITÉ DE FOLGA DOS PAC DENUNCIA PRESIÓNS POR PARTE DA XERENCIA DE VIGO


 O Comité de Folga dos PAC denuncian as presións que se lle está realizando ao persoal sanitario dos PAC axustando calendarios con xornadas abusivas e continuadas no tempo, algunhas delas con a penas 12 horas de descanso entre quendas de 17 horas ou mais. 

 Estas xornadas impostas imposibilitan a conciliación das persoas que son obrigadas a asumir estes novos calendarios tendo que traballar en días que libraban por calendario. Isto é aínda, se cabe, mais grave dado as datas nas que estamos, onde fillos e fillas teñen vacacións e hai persoal que non pode planificar as festas familiares porque non saben se terán que traballar no último momento. 

 Contrasta a necesidade de persoal sanitario, nomeadamente persoal médico, coas ridículas prazas que se sacan para a OPE do vindeiro ano. Cando só en Vigo vanse xubilar 35 médicos/as de familia, a convocatoria será de 54 prazas en total para toda Galiza, resulta obvio que unha vez mais será insuficiente, mais cando levamos con saldo negativo desde que se impuxo a taxa de reposición. Isto non é unha OPE é outra tomadura de pelo. 

 Na Área de Vigo a situación estase a voltar insostíbel. A necesidade de persoal médico estase intentando solventar aumentando horas ao persoal do PAC, eliminando permisos, vivindo coa incerteza de como e cando van ter que ir traballar ou se novamente terán que prolongar porque non hai ninguén que cubra a seguinte quenda de traballo. 

 O persoal de consultas de primaria non esta moito mellor, listas de agarda interminábeis, un número de doentes que nalgunha ocasión ten superado os 70, asunción de doentes doutros cupos por ausencias previstas e non cubertas… 

 A ultima idea desta xerencia é que os residentes de familia de 4º ano fagan traballo como adxuntos nalgún PAC para solventar a inoperancia dos servizos de recursos humanos, co rexeite deste colectivo que está rematando a súa formación. Esta é a forma que teñen de convencer a este colectivo para que se queden a traballar nesta área. 

 O persoal de PAC continuará de folga todos os martes, venres e domingos ate o 17 de decembro. 

 Vigo, 5 de decembro de 2018

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario