1 de dec. de 2018

OURENSE

XVI Xornada de homenaxe a Blanco Amor no cemiterio de San Francisco

Un ano máis o cemiterio de San Francisco de Ourense acolleu a xornada de homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 Un ano máis o cemiterio de San Francisco de Ourense acolleu a xornada de homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, nesta ocasión con motivo do 39º aniversario do seu pasamento, acto que contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar; da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e de representantes do ámbito cultural. Esta tradicional homenaxe que cada ano reúne na campa do cemiterio a numerosos representantes institucionais, sociais e culturais, pretende "honrar a obra dun ourensán universal, autor da Esmorga, e ao seu legado cultural", sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense. 

 Rosendo Fernández destacou o labor que realiza o goberno provincial a prol "da figura do escritor que inmortalizou Auria coa súa obra", salientando que a Deputación de Ourense custodia o arquivo e a biblioteca de Blanco Amor; promoveu o monumento que sobre o escritor existe nos xardíns do Bispo Cesáreo –instalado con motivo dos cincuenta anos da publicación da Esmorga-, e ten editado a súa obra e espallado polos centros escolares da provincia o gran traballo cultural que Blanco Amor fixo por Ourense".  

 O acto, organizado pola Fundación "Eduardo Blanco Amor" e o Centro PEN Galicia, contou coa participación das alumnas do IES "Eduardo Blanco Amor" Alba Guzmán, Ana Fraile e Isabel Rodríguez, quen recitaron textos da súa autoría en homenaxe ao autor ourensán.  

 A mantedora do acto, quen eloxiou a obra de Blanco Amor facendo especial énfase na súa obra poética e na produción deste autor en castelán, foi a profesora María do Carmo Enriquez, con numerosos traballos sobre este escritor.  

 Pola súa banda, Luis González Tosar leu uns versos do libro "Cancioneiro", do ano 1956, e centrouse nun dos romances desta obra, sempre importante para Blanco Amor e que pervivíu ao longo da súa vida. "Trinta e nove anos despois do seu falecemento Blanco Amor segue a ser mal tratado –dixo González Tosar-, non como en vida, pero si dunha maneira máis sutil, pese a ser un dos máis grandes, o escritor máis completo que ten a literatura galega, e o que maior proxección exterior ten", expresou o presidente do PEN Galicia.  

 O acto rematou coa tradicional ofrenda floral por parte da Deputación de Ourense, do Concello de Ourense, da Fundación "Blanco Amor" e do Centro PEN de escritores de Galicia.  

 Continuando coas actividades de lembranza da figura e da obra de Blanco Amor, hoxe, ás 20:30 horas, no Liceo de Ourense, o presidente da Deputación de Ourense fará entrega do XXXVII Premio "Blanco Amor" de novela longa ao escritor Manuel Portas, pola súa obra Por puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario