27 de dec. de 2018

LÍNGUA

A obra completa de Rosalía de Castro xa se pode ler en xaponés grazas a Takekazu Asaka 

O secretario xeral de Política Lingüística e o embaixador do galego máis famoso do Xapón presentaron hoxe ‘Wakaba syuu’, edición bilingüe de ‘Follas novas’ ao xaponés-galego coa que o profesor da Universidade de Tsudajuku completa a tradución da obra rosaliana á lingua nipoa

A obra completa de Rosalía de Castro xa se pode ler en xaponés grazas a Takekazu Asaka

Infogauda / Santiago de Compostela

 Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador máis famoso da lingua propia de Galicia no Xapón, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe o novo volume Wakaba syuu, primeira edición bilingüe da obra rosaliana Follas novas en xaponés-galego e libro que completa a tradución da obra de Rosalía de Castro á lingua nipoa.  

 García Gómez puxo de relevo “a grande contribución de Asaka á lingua e á cultura galegas e á súa proxección internacional”, unha contribución “impagable, sempre xenerosa e imprescindible desde hai xa 35 anos que axudou a construír e a fortalecer a ponte que hoxe comunica dúas culturas e dous idiomas tan afastados, tanto desde o punto de vista lingüístico coma xeográfico”. “Unha ponte que proxecta Galicia e pola que nos enorgullece e nos honra a todos os galegos que poidan chegar ao outro lado do mundo os versos, as palabras e as mensaxes da nosa escritora máis universal”, concluíu.  

 Acompañáronos na presentación, celebrada no compostelán Pazo de San Roque, Hiro Asaka, fillo de Takekazu; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (autor do limiar da obra), e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei.  

‘Wakaba syuu/Follas novas’ 

 Asaka dá ao prelo Wakaba syuu (2018), que cunha escolma representativa duns 60 poemas traducidos ao xaponés dun total de 137 –e das cinco seccións nas que se divide a obra (Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos) na que non faltan pezas emblemáticas como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra ou Tecín soia a miña tea– se suma ás traducións á lingua nipoa xa feitas dos Cantares gallegos (2002 e 2005) e dos Contos da miña terra (2013) para completar con esta derradeira entrega a edición bilingüe xaponés-galego da obra de Rosalía de Castro.  

 A obra conta cun limiar de Anxo Angueira, cunha bibliografía final arredor de Follas novas (1880) e cun Cabo do propio autor, no que explica os motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés incluso nun dos momentos máis delicados da súa vida, que pecha un breve texto biobibliográfico no que se resume a traxectoria do propio Asaka (Takiño, en Galicia). 

 Ilustrado por Ataque e impreso nos talleres de Eybunsya, en Gifu, a edición conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.  

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón 

 Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.  

 Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversa en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), a monografía As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición. Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), o seu Xograr Martín Codax (2015) ou Os Eidos (2017), de Novoneyra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario