13 de dec. de 2018

COVELO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONSTRUIRÁ UNA NOVA SENDA PEONIL E MELLORARÁ A ESTRADA PROVINCIAL ENTRE O NÚCLEO DE A GRAÑA E O CEMITERIO DA PARROQUIA EN COVELO  

· A presidenta Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez asinaron hoxe un convenio de colaboración co alcalde  

· As obras teñen un orzamento de 288.755 euros financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polo concello 

No día de hoxe, a presidenta Carmela Silva Rego e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández - a esquerda da imaxe - asinaron co alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo, un convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello

Infogauda / Covelo

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai mellorar a seguranza viaria da estrada provincial que conecta o núcleo da parroquia de A Graña no Concello de Covelo co cemiterio e a igrexa parroquial. No día de hoxe, a presidenta Carmela Silva Rego e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández asinaron co alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo, un convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello para levar adiante as obras, que teñen un orzamento de 288.755 euros.  

 Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, a parroquia de A Graña está atravesada pola estrada provincial EP-5105 que conecta o núcleo principal de vivendas e o centro social coa igrexa e o cemiterio, polo que hai un importante tránsito de persoas que camiñan pola vía en condicións de inseguridade. Ademais, na actualidade o firme da calzada está en mal estado polas duras condicións climatolóxicas da zona, con xeadas e nevadas durante o inverno e moita calor durante o verán.   

 Ante esta situación e a petición do concello, o departamento de Mobilidade redactou un proxecto titulado ‘Mellora da seguridade viaria e senda peonil na EP-5105 Maceira-A Graña dende o PQ 10+250 ata o PQ 11+350’. O deputado Uxío Benítez destacou que a actuación permitirá construír unha senda peonil de 400 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, a mellora do firme en todo o ámbito de actuación, a instalación de elementos de calmado de tráfico (redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados), a delimitación dunha zona 30, e a creación dunha zona de convivencia onde non hai sección suficiente para habilitar a senda –na parte máis central-, así como a construción dunha pasarela de madeira sobre formigón sobre o rego de Portiño Escuro.  

 Tal e como indicou o deputado nacionalista, esta actuación encaixa perfectamente dentro dos criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, onde o eixo é eliminar a violencia viaria e poñer no centro das actuacións ás persoas, fomentando a mobilidade peonil fronte ao tránsito motorizado. Destacou, así mesmo, que unha vez a Deputación realice as obras (conveniadas co concello ao 80%-20%) a vía pasará a ser de titularidade municipal. 

 Pola súa parte, a presidenta da Deputación Carmela Silva asegurou trala sinatura do convenio a súa satisfacción polo feito de que lugares como a parroquia de A Graña en Covelo, un lugar singular con capacidade de atracción, vaia mellorar a súa mobilidade e converterse nun espazo “máis habitable”. Neste sentido, ademais da mellora da mobilidade peonil tamén destacou a importancia do cambio estético que suporá o proxecto para a zona: “Non ten nada que ver como recibimos os lugares e como quedan despois das actuacións”, subliñou.  

 Carmela Silva salientou que a Deputación ten como folla de ruta cumprir o papel de servizo aos concellos pequenos respectando a súa autonomía e as súas necesidades. “Temos un modelo claro de mobilidade e sabemos que os concellos pequenos necesitan axuda económica. Niso estamos a traballar”, dixo.   

 Finalmente, o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, agradeceu á Deputación o proxecto do departamento de Mobilidade e manifestou a súa satisfacción porque saíra adiante. “Esta actuación viña de atrás. Levamos tempo con ela e plantexeilla ao deputado. O proxecto está ben enfocado e penso que vai gustar á parroquia… Podo dicir que cando saen as cousas ben hai que dar as grazas, e neste caso dou a noraboa á Deputación”, dixo o ‘popular’, que salientou que en A Graña hai moita veciñanza na emigración con moito arraigo na zona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario