28 de dec. de 2018

A GUARDA

A Finca de Fínola xa forma parte do patrimonio municipal do Concello de A Guarda 

· Por un importe de 280.000 €, menos dunha terceira parte do que se pagou a última vez que se vendeu   

O alcalde Antonio Lomba Baz, nos xardíns do Centro Cultural e o fondo a Finca de Fínola, cuxa adquisición ven de ultimar o Concello de A Guarda
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda ven de ultimar a adquisición da Finca de Fínola despois de realizar os trámites notariais na mañá deste venres día 28 de decembro de 2018. 

 Logo de asinar a escritura de compraventa o alcalde Antonio Lomba Baz manifestou a súa «satisfacción polo éxito desta operación que comezou a fraguarse a primeiros de 2018» e afirmou que considera «moi importante para o presente e futuro da Guarda».   

 Desde o executivo municipal, presidido por Antonio Lomba Baz saliéntase que «coa  compra desta finca A Guarda gaña un novo espazo público de 3.247,71 metros cadrados, entre os xa existentes da Alameda e do Centro Cultural. Esta parcela, en pleno casco urbano, poderá adicarse a espazos verdes e dotacionais, unha necesidade na vila dada a escaseza de chan público en relación a densidade de poboación, que mellorará, sen dúbida, a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio.   

 Deste xeito o Concello da Guarda ven de asegurar un espazo público libre, en pleno casco urbano, destinado ao lecer da veciñanza que nun futuro podería formar parte dunha ampla zona común formada pola Alameda, Fínola e o Centro Cultural.   

 Desta maneira as sucesivas corporacións municipais terán a oportunidade de decidir o uso máis conveniente deste espazo, tendo en conta os intereses xerais e sen necesidade de agardar polo desenvolvemento urbanístico desa zona, evitando a construción privada na finca obxecto da compra»

UN ESPAZO CON DISTINTAS POSIBILIDADES, COMO A CONSTRUCCIÓN DUN AUDITORIO

 Desde o executivo municipal relémbrase que «neste momento a finca de Fínola está habilitada como aparcadoiro de vehículos no centro urbano, pero nun futuro próximo este espazo oferta distintas posibilidades, coma zona de esparcemento e dotacional, por exemplo, para a construción dun Auditorio, entre outras».   

 «A finca de Fínola levaba 25 anos dentro dun PERI sen que se avistase», polas informacións que teñen os responsables municipais, «o desenvolvemento urbano deste espazo a curto ou medio prazo. A parálise na urbanización deste chan por parte dos propietarios e a imposibilidade de executala dende o concello, ademais do prezo negociado, motivaron a decisión de mercalo polo concello da Guarda por un importe de 280.000 €, menos dunha terceira parte do que se pagou a última vez que se vendeu.   

 Unha vez incorporado como chan público, dende o concello pode modificarse o uso deste terreo, mediante unha modificación puntual do plan xeral, para aquel que sexa máis conveniente para cubrir as necesidades da Guarda». 

Ningún comentario:

Publicar un comentario