O BNG presenta emenda aos orzamentos da Xunta para un novo aceso ao porto da Guarda
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “O BNG, un ano máis, presenta unha emenda aos orzamentos da Xunta do PP para que dote de partida de cartos e execute un novo aceso ao porto da Guarda polo sur”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
“O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta gobernada polo PP para que se dote unha partida orzamentaria para a construción dun novo aceso ao porto da Guarda pola parte sur, tal como ven facendo o BNG nos últimos orzamentos.
Esta mesma emenda foi presentada polo BNG o ano pasado e rexeitada pola Xunta do PP”, relembrou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.
“Para o BNG é fundamental o compromiso da Xunta do PP nesta obra. A Xunta de Galiza ten investido nos accesos de diferentes portos de competencia autonómica, polo que se entende que A Guarda ten o mesmo dereito. Temos un aceso ás instalacións do porto por medio dunha rúa totalmente urbana, obrigando á que todo o transporte que xera a actividade portuaria pase por aí. A Xunta ten unha débeda histórica co sector pesqueiro de baixura, mentres outros portos foron modernizando os seus accesos, aquí fomos quedando atrás”, comentou Ángel Luis Baz Vicente.
O BNG lembra que “foi esta formación política a que tivo que convencer ao alcalde da Guarda e ao PSOE de que non era necesario o PXOM para desenvolver un novo vieiro de calidade para conectar o porto da Guarda. Así, dende o Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, dirixido polo nacionalista Uxío Benítez, estase a realizar un proxecto con varias alternativas para a realización dun novo acceso ao porto da Guarda polo sur”.
“Agora que o BNG fixo o seu traballo na Deputación, quero ver como o candidato do PP, Roberto Carrero, esixe publicamente ao seu xefe na Xunta a realización, sen demora, deste novo aceso ao porto da Guarda. Outra cousa sería desviar o tema e deixar, unha vez máis, tirada á Guarda”, sinala Ángel Luis Baz Vicente.
“O BNG bota de menos - engade Ángel Luis Baz - unha maior implicación por parte do alcalde da Guarda e do seu grupo de goberno neste proxecto. Dende o BNG imos seguir loitando e esixindo á Xunta do PP un trato igualitario a outros portos do país coas mesmas características”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario