Exposicións, deporte, gastronomía, música e conmemoracións do Día contra a Violencia de Xénero
Nesta fin de semana na Guarda
Infogauda / A Guarda
A Guarda contará unha vez máis con diversidade de propostas para todas as idades nunha fin de semana na que as exposicións, a gastronomía, a arte, o deporte, a música, as charlas e as conmemoracións do Día contra a Violencia de Xénero, marcarán as principais actividades programadas.
Venres 23 de novembro
Na xornada do venres día 23 de novembro terá lugar un obradoiro para crear e personalizar a túa propia axenda do ano 2019, unha actividade que combina a creatividade, o lúdico e tamén as técnicas de “DIY” (faino tí mesmo/a). A actividade terá lugar en horario de 19:00 a 21:30 horas, na Casa dos Alonso. As prazas xa están cubertas.
Ás 19:30 horas a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acollerá a inauguración da exposición de pintura “Músicas da Terra” do artista pontevedrés Álvaro Novegil “Alvarellos”. Esta exposición presenta unha escoma da obra plástica de Alvaro Novegil, un artista de formación autodidacta que se inspirou nos pintores galegos expresionistas, contemporáneos e do século pasado.
Un ano máis chegan as barferencias ós nosos bares. Nesta nova edición voltan a primar os temas históricos e arqueolóxicos, que tanto interese espertan sempre entre a nosa poboación, destacando as charlas que nos achegan os resultados das últimas intervencións arqueolóxicas nas salinas do Seixal e no Monte Santa Trega. O ciclo de charlas iniciarase este venres cunha charla adicada á igualdade de xénero, que será impartida por Montse Fajardo, periodista especializada en temas de igualdade e memoria histórica, que nos falará nesta ocasión do seu libro Invisibles. Será no Piano - Bar Benedictus ás 20:30 horas.
Tamén na xornada deste venres continúa a Ruta “Petiscos con Arte”, un evento que conxuga a gastronomía e a arte para ofertar aos participantes unha experiencia para os sentidos. A Ruta “Petiscos con Arte”, que finaliza esta fin de semana, estará aberta en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e tarde, de 19:00 a 21:30 horas.
Os 12 establecementos participantes nesta edición ofertarán un petisco ao prezo de 1,50€, elaboracións gastronómicas para todos os gustos con potaxes, “montaditos”, tostas, sushi, entre outros.
Sábado 24 de novembro
O sábado día 24 de novembro ás 12:00 horas, no Salón de Sesions do Concello de A Guarda terá lugar un pleno de carácter extraordinario cun punto único na orde do día, o ditame de nomeamento de don Xosé Carlos Gómez Alfaro como fillo adoptivo a título póstumo do Concello da Guarda, así como á entrega do correspondente distintivo e diploma a súa viuva Rosa Berta Alfaro Diéguez.
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle unha nova sesión de “Contos Contados”, nesta ocasión adicada á Ciencia, e que terá inicio ás 11:30 horas. Contarase con ciencia en movemento grazas a un obradoiro de “Taller kids” co obxectivo de achegar os experimentos científicos aos máis cativos e cativas. Deste xeito estarán acompañados pola súa mascota para facerse fotografías.
Ás 20:30 horas a Igrexa Parroquial de Santa María de A Guarda acolle o Concerto Santa Cecilia, organizado pola Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, que contará tamén coas actuacións do Coro Cantábile e o Coro Arpegios.
Ás 22:30 horas a Praza do Reló será o escenario do concerto de presentación do recente traballo discográfico do «The Pretty Shirts», de A Guarda, que leva por título xenérico «A Few Seconds». Este concerto conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello da Guarda. En caso de choiva celebrarase nos baixos da Casa dos Alonso.
Este sábado será a xornada final da Ruta “Petiscos con Arte”. Estará aberta en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e tarde, de 19:00 a 21:30 horas.
Domingo 25 de novembro
A Guarda acolle este domingo día 25 de novembro a quinta edición do evento deportivo «Trail do Trega», que este ano contará con dúas modalidades de competición, a proba «Mergelina 10k» e «Castros Celtas 18k», cun desnivel acumulado de cada unha delas de 650 e 1100 metros respectivamente, ademáis dunha andaina.
A liña de meta e chegada terá lugar na Alameda da Guarda, sendo a saída da Andaina ás 9:30 horas; a do Trail «Castros Celtas 18k» ás 10:00 horas, e a do «Mergelina 10k» ás 10:30 horas.
O barrio da Cruzada acolle este domingo a Romaría de Santa Catalina, que comezará ás 11:30 horas coa misa na capela de San Caetano, cunha procesión ata a Fonte de Santa Catalina acompañada do Grupo de Gaitas e Baile Xamaraina.
Por outra banda, o Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), organiza varias actividades para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de Xénero, que se conmemora cada ano o 25 de novembro.
O propio día 25 de novembro e para commemorar o Día Internacional Contra a Violencia de xénero ás 12:00 horas na Casa dos Alonso, contarase coa actuación musical de Xardín Desordenado e convídase a toda a cidadanía a tinguir a Praza do Reló de negro, en sinal de rexeitamento de todo tipo de agresións e violencia machista, apoiando ás vítimas e transmitindo as xeracións futuras o respecto á igualdade de mulleres e homes para defender unha sociedade xusta e paritaria. Para iso poden acudir con roupa, sombreiros, chuvasqueiros, paraugas...de cor negra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario