30 de out. de 2018

TOMIÑO

MÁIS DE 30 MENORES DE TOMIÑO BENEFÍCIANSE DAS AXUDAS PARA LIBROS OU MATERIAL ESCOLAR NO CURSO 2018-2019

A COLABORACIÓN ENTRE O DEPARTAMENTO DE EDUCACIÓN FAMILIAR E A ANPA DO IES ANTÓN ALONSO RÍOS, FIXO POSIBLE RECOLLER OS LIBROS MERCADOS O ANO PASADO, PARA FORMAR UN FONDO DO QUE OUTROS ESTUDANTES PUIDERAN BENEFICIARSE 


Infogauda / Tomiño

 No ano 2018 achegáronse ao Programa de Educación Familiar 49 familias solicitantes de axudas para a compra de material escolar e libros de texto, das que so 22 (33 menores) reuniron os requisitos para ser perceptoras das subvencións municipais existentes neste eido para o curso 2018-2019.  

 É de salientar que nos últimos meses diminuíron substantivamente o número de demandas presentadas por familias, en comparación co curso anterior; fenómeno que podería explicarse polo feito de que algunhas familias atoparon traballo, ou ben, foron quen de xestionar mellor os seus recursos económicos.  

 Tanto é así, que o gasto en axudas para material escolar deste curso, vai ser inferior ao 50% do do ano pasado, chegando aos 1.200 euros en total, fronte aos 3.145 do curso anterior.  

 Outro feito que influíu no descenso do gasto foi a colaboración entre o departamento de Educación Familiar e a ANPA do IES Antón Alonso Ríos, que se ocupou de recoller os libros mercados o ano pasado, xuntalos cos achegados por moitas familias da comunidade escolar, co fin de formar un fondo de libros, para que outros rapaces e rapazas puideran beneficiarse deles.    

 Neste sentido, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, salienta a boa disposición, coordinación e colaboración da ANPA Solleiro, do Instituto, en todo o relacionado coa entrega de libros ás familias derivadas dende o Concello (este colaborou cos gastos do proceso de dixitalización con algo máis de 900 euros). “Un proceso que fixo máis eficaz a entrega de libros ao 100% das familias derivadas dende Benestar e que garante unha maior transparencia do proceso ao incluír a creación dunha páxina web, onde todos os datos están dixitalizados”, explica a rexedora.  

 Javier Besada, membro da asociación de nais e pais, foi un dos responsables deste proceso que permitiu a todos os solicitantes dispor dos seus libros de texto o primeiro día de clase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario