O persoal dos elaborados do mar non cede e volve parar o sector na segunda xornada de folga
CIG-Mar solicita a implicación da Xunta nun conflito enquistado dun sector estratéxico para o país
As traballadoras dos elaborados do mar respostaron positivamente ao novo chamamento do comité de folga e continúan en pé de guerra na batalla en prol dun convenio digno.
Fotos: CIG
Infogauda / Vigo
O sector dos produtos elaborados do mar retomou este martes 30 a folga un día despois do fracaso da nova xeira de negociacións do convenio coa patronal, á que acusan de “intransixente” e de manter posturas inamovíbeis. A de hoxe, que é a segunda xornada dunha folga histórica, amosou de novo que as traballadoras non están dispostas a continuar co “peor convenio” do ámbito da alimentación. Mañá, mércores 31, continuarán a loita nunha nova xornada de paro de 24 horas.
As traballadoras dos elaborados do mar respostaron positivamente ao novo chamamento do comité de folga e continúan en pé de guerra na batalla en prol dun convenio digno. Así o demostraron desde primeiras horas da madrugada deste martes, a pesar da noite de frío e choiva, logrando deter a produción nas principais factorías de Vigo, Pontevedra e Marín como Fandicosta, Mascato, GPS ou Cabomar.
Persoal de Cabomar concentrado diante da fábrica
Forte presenza policial despregada en Marín arredor de Cabomar
A xornada, ao igual que o paro do pasado luns 22, decorre sen ningún tipo de incidentes, a pesar da presenza intimidatoria de cadros directivos á porta dalgúns centros de traballo ou da forte presenza policial despregada en Marín arredor de Cabomar.
Para a CIG-Mar o novo éxito da folga, produto da unidade dun sector fondamente feminizado, supón un serio revés á actitude da patronal nas negociacións do pasado xoves e deste luns, onde se mantivo intransixente nas súas “propostas miserentas” para o convenio.
Neste sentido, indican que na parte económica o empresariado mantense inamovíbel nas propostas de suba salarial para os grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5´5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2´9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde.
Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).
Aseguran, ademais, que pola parte social realizouse este mesmo luns unha nova proposta para dar unha última oportunidade ao acordo, responsabilizando a patronal destas dúas novas xornadas de folga. Así mesmo, a federación fai un chamamento á implicación da Xunta no conflito dada a condición de sector estratéxico para Galiza. “A administración debe tomar cartas no asunto e convocar ambas partes para facilitar unha solución”, declara Xabier Aboi, responsábel da CIG-Mar.
Terceira xornada o mércores 31
A terceira xornada de folga no sector de elaborados do mar repetirá o esquema das dúas anteriores, dando inicio na madrugada deste mércores 31 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do martes ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.
No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar, ás 04:30h.
Ningún comentario:
Publicar un comentario