10 de out. de 2018

GONDOMAR

Paula Bouzós, candidata do PP á alcaldía de Gondomar 

· Alfonso Rueda comunica a decisión do Partido Popular de Pontevedra á executiva local e grupo municipal  

Paula Bouzós Barros - no centro da imaxe - co presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda e Jesús Vázquez Almuíña, coordinador comarcal do PP

Infogauda / Gondomar

 Paula Bouzós Barros será a candidata do Partido Popular en Gondomar nas eleccións municipais de maio de 2019. O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, trasladou esta tarde á executiva local e ao grupo municipal a decisión da dirección provincial, nunha reunión na que tamén participou o coordinador comarcal, Jesús Vázquez Almuíña. 


 Rueda destacou que Paula Bouzós é a persoa idónea para encabezar a lista do Partido Popular e capaz de recuperar a alcaldía. Ademais, apelou á unidade do partido para traballar intensamente nos meses que quedan ata a cita electoral. Nesta liña, recordou que o PP sae a gañar as eleccións para poder gobernar desde o minuto un, desde o día seguinte.  

 Coa designación de Paula Bouzós, xa quedan pechados os candidatos na comarca do Val Miñor.   

 Paula Bouzós Barros naceu en 1974 na parroquia de Vilaza, é técnico especialista administrativo e contabilidade. Está vinculada ao PP desde hai máis de quince anos, e desde 2017 é presidenta local do partido. En 2007 comezou a formar parte das candidaturas municipais, e entre 2011 e 2015 foi concelleira delegada de Educación, Turismo, Sanidade, Comercio e Industria de Gondomar. A nivel municipal, tamén colaborou activamente con clubs e asociación locais, como por exemplo a comisión de festas ou a Asociación de Veciños da súa parroquia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario