8 de out. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Na súa visita a Camposancos 

A Subdelegada do Goberno en Pontevedra anuncia o inicio dos trámites para a solución dos destrozos na ribeira guardesa do Río Miño  

· O alcalde de A Guarda resaltou a necesidade de facer unha actuación previa de emerxencia para evitar que o deterioro vaia en aumento


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba García - segunda pola esq. -, visitou a zona afectada, na compaña do alcalde e membros do grupo de goberno do Concello de A Guarda
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 Este luns día 8 de outubro a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba García, visitou a zona afectada por unha forte erosión nas praias da Armona e da Lamiña, así como no pìñeiral do Feno, en Camposancos (A Guarda), na desembocadura do Río Miño. 

 Unha comitiva encabezada por parte do equipo do goberno municipal do Concello de A Guarda, e que tamén contou coa asistencia de Rafael Álvarez Martínez, presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, desprazouse ata a ribeira do Río Miño, en Camposancos, onde comprobaron, unha vez máis, o imparable avance da erosión que ven sofrendo esta zona dende os temporais do pasado inverno, cunha gran perda de area que afecta e pon en risco ao ecosistema dunar existente, polo de agora, neste enclave.  

 Dese xeito Maica Larriba pudo comprobar «in situ» como está a situación destes areais e anunciou a inclusión dunha partida orzamentaria para solventar este problema, xa que segundo lle foi comunicado á Subdelegación do Goberno, será unha actuación prioritaria para a Dirección General de Sustentabilidad de la Costa y el Mar, do Ministerio para la Transición Ecológica

Maica Larriba amosouse moi sorprendida polo impacto desta erosión 

A SUBDELEGADA DO GOBERNO ANUNCIOU O PROXECTO DE ESTABILIZACIÓN DA MARXE DEREITA DO RÍO MIÑO

 Maica Larriba amosouse moi sorprendida polo impacto desta erosión sobre o areal fluvial e aproveitou a visita para anunciar o Proxecto de Estabilización da Marxe dereita do Río Miño na súa desembocadura, actualmente en fase de contratación e que suporá un investimento de máis de 40.000,00€, cun prazo de redacción de 6 meses. Para acometer estes traballos, e en vista de que esta zona é un espazo protexido pola Rede Natura 2000, será preciso contar con certa documentación de carácter ambiental, necesaria para acometer estes traballos con total respecto ao medio ambiente e sen freos para o procedemento de avaliación ambiental que corresponda.  

Unha erosión incontrolada está afectando de xeito ostensible ás praias fluviais de A Armona e A Lamiña, en Camposancos (A Guarda)


 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz agradeceu a Maica Larriba a súa mediación para iniciar unha solución a esta problemática, posto que o deterioro da ribeira fluvial non se detén, contando xa co informe realizado do Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), do Ministerio para la Transición Ecológica, e coa alternativa que permitirá solventar a erosión do areal. 

 Antonio Lomba destacou que esta é unha moi boa noticia para A Guarda, tendo a redacción do proxecto en licitación e o compromiso da Dirección General de Sustentabilidad de la Costa y el Mar, do Goberno de España, para executar estas obras. 

 O alcalde de A Guarda resaltou tamén a necesidade de facer unha actuación previa de emerxencia para evitar que o deterioro vaia en aumento antes da realización dunha actuación definitiva que solvente esta problemática.

Ningún comentario:

Publicar un comentario