10 de out. de 2018

A GUARDA

«A Guarda, todo moi preto» 

· A Campaña de Mobilidade continúa cunha nova entrega de 20 carros da compra  

Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro na pranta baixa do Mercado da Praza de Abastos da Guarda da man do alcalde, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este mércores día 10 de outubro realizouse unha nova entrega de 20 carros de compra do terceiro sorteo realizado entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos da Guarda na Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto».  

 Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro na pranta baixa do Mercado da Praza de Abastos da Guarda da man do alcalde, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez, xunto cun plano «Metrominuto», no que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros.  

 A Guarda promove a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos con sorteos semanais de 20 de carros da compra para que os veciños e veciñas da comarca os empreguen para mercar no casco urbano. As persoas que desexen participar nos seguintes dous sorteos restantes só teñen que facer as súas compras nos establecementos do mercado municipal da Praza de Abastos e depositar nas furnas habilitadas para este sorteo as papeletas que se entregan con cada compra.  
 A Campaña «A Guarda, todo moi preto» abrangue diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario