10 de out. de 2018

A GUARDA

«A Guarda escrita nas estrelas»

· Recta final do proxecto coa participación dos escolares guardeses

«A Guarda escrita nas estrelas» non deixa indiferente a ninguén
Grupo de escolares que hoxe colabouraron na realización do mural

Infogauda / A Guarda

 Dende o martes 9 de outubro alumnos e alumnas dos diferentes centros escolares da localidade participan no pintado do espigón do porto da Guarda, actividade enmarcada no proxecto «A Guarda escrita nas estrelas» que se atopa xa a piques de rematar, lucindo xa imaxes da Guarda, Salcidos e Camposancos, as Marcas dos Pescadores e as estrelas que darán forma a esta «galaxia». 

 O novo deseño e froito dun traballo realizado polos artistas locais Alberto Álvarez Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto, contando cunha gran implicación da cidadanía. 

 Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza. 

 Desta volta, son os alumnos e alumnas dos centros escolares os que participan no pintado das estrelas, pintado que se realiza en grupos, onde os nenos e nenas atenden ás explicacións dos artistas para proceder despois a plasmar sobre o dique as pinturas, coa axuda duns modelos e sprays. 

A concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, tamén participaron no pintado

 Este mércores día 10 de outubro a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, visitaron o Porto da Guarda para visualizar o avance destes traballos e mesmo participar no pintado das estrelas, amosando a súa satisfacción polo estado e avance deste pintado, que está xa a piques de rematar.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario