22 de out. de 2018

A GUARDA

V Trail do Trega

O mércores día 24 de outubro ábrense as inscricións 



Infogauda / A Guarda

  A Guarda acollerá o vindeiro 25 de novembro a quinta edición do evento deportivo Trail do Trega, que este ano contará con dúas modalidades de competición, a proba «Mergelina 10k» e «Castros Celtas 18k».  

 A proba «Mergelina 10k» fai referencia ao poboado castrexo de Mergelina, que se ven de por en valor recentemente coas obras de consolidación deste xacemento arqueolóxico no Monte Santa Trega. 

 Na modalidade «Mergelina 10k» os deportistas terán unha proba máis enfocada a atletas noveis, cun percorrido de 10 quilómetros de distancia, ideal para iniciarse no mundo do Trail.  

 A proba «Castros Celtas 18k» contempla un percorrido cun total de 18 quilómetros de distancia onde os atletas participantes terán que avanzar cun percorrido moito máis técnico para deportistas máis experimentados.  

 A maiores realizarase unha andaina de 10 quilómetros de distancia para todos aqueles que desexen desfrutar das paisaxes e sendeiros do Monte Santa Trega, percorrido de dificultade fácil e para todos os públicos.  

 O prazo de inscricións para a «Mergelina 10k», «Castros Celtas 18k» e para a andaina, estará aberto dende o mércores día 24 de outubro a través da páxina web oficial do evento cunha oferta de lanzamento con prezo especial ata o domingo 28 de outubro.  

 Todos os participantes terán un agasallo oficial da proba, que está organizada por Qualité Sport en colaboración co Concello da Guarda, e as Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común das parroquias de A Guarda e de Camposancos, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario