29 de out. de 2018

A GUARDA

FOTOGRAFÍA

A exposición «Auga, o sangue da terra. Un proxecto de Manuel Valcárcel» virá á Guarda 

· O día 11 de decembro, da man de Afundación e Abanca

De esq. de der.: Paloma Vela Garicano, Antonio Lomba Baz, Luis Martín Blanco Conde e Juan Jesús González
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda  

 Este luns día 29 de outubro de 2018, na Casa dos Alonso, realizouse a firma do convenio de colaboración cultural entre Abanca, Afundación e o Concello guardés para desenvolver a exposición «Auga. O sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel Cabo (Monforte de Lemos, 1975), e unha programación de actividades educativas paralelas á mostra en colaboración cos colexios do municipio.   

 No acto da sinatura participaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o xefe de zona Condado - Baixo Miño de Abanca, Luis Martín Blanco Conde; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano, e Juan Jesús González, director da oficina de Abanca na Guarda.   

 «Auga. O sangue da terra» é unha exposición fotográfica que ten como obxectivo concienciar á poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga. O fotógrafo viaxou a algunos dos lugares máis remotos do planeta azul, como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama,..., e outros próximos, como a conca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia dela nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.  

 Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o martes día 11 de decembro na Sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda (Avda. Rosalía de Castro, 14), onde se poderá visitar de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.  

 Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario