23 de out. de 2018

A GUARDA

«Manual de instrucións para educar»  

·O día 30 de outubro comeza a terceira edición dese ciclo de charlas informativas 

·Están organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil e Educación Familiar

Infogauda / A Guarda

 O vindeiro martes día 30 de outubro de 2018 a Casa dos Alonso acollerá a primeira sesión da terceira edición de «Manual de instrucións para educar», un ciclo de charlas informativas organizadas dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil e Educación Familiar.  

 En total serán 4 charlas, a primeira delas o martes 30 de outubro sobre «Educar con criterio», a segunda o martes 13 de novembro sobre «Límites na intimidade», a terceira o 27 de novembro sobre «Diferentes pero felices» e a última o 11 de decembro sobre «Vivir con sentido»

 A charla do martes 30 de outubro “Educar con criterio” versará sobre os valores que queremos transmitir aos nosos fillos e como facelo. Unha responsabilidade principal de cada familia, en base as súas crenzas, educar en valores, que se traducirán en condutas e actitudes de vida.  

 A charla do martes 13 de novembro "Límites na intimidade” falarase sobre o amplo porcentaxe de persoas que sofre abuso na infancia e das estadísticas actuais, que continúan a ser alarmantes. É moi importante como pais e nais estar preparados para previr que algo tan desagradable e con graves consecuencias lles ocorra aos nosos fillos e fillas.  

 A charla do martes 27 de novembro “Diferentes pero felices” fará referencia a cando un fillo ou filla non encaixa perfectamente no normativo, cando por algunha razón física ou psicolóxica é diferente. Resulta difícil para eles, xa que aínda que a todos nos gusta ser especiais nalgún sentido, é importante sentirse un máis, integrados e non excluídos, rechazados e sobre todo inferiores. É todo un reto para as familias dar un apoio a estes nenos e nenas, dende a aceptación e a busca de todos os recursos necesarios para que sexan tratados con igualdade.   

 A charla do martes 11 de decembro Vivir con sentido”, coa que se pecha este ciclo de charlas, tratará sobre a sociedade actual, onde o tema sobre a morte tende a evitarse e sobre todo, cando a causa da mesma é porque un mesmo o ten decidido. O suicidio é unha das principais causas de morte, dando lugar a casos diarios, aínda que estes non se divulguen. Tamén hai casos de suicidio na infancia e máis frecuente na adolescencia. É vital que as nais e pais detecten os síntomas a tempo, axuden aos fillos e fillas a afrontar os seus problemas e tamén xeren no fogar un clima que favoreza as gañas de vivir.  

 Todas as charlas realizaranse na Casa dos Alonso en horario de 19:30 a 21:00 horas e contarase con servizo de canguro de balde. 

 Máis información na OMIX da Guarda e en Educación familiar nos teléfonos 986 610 000 e 986 614 507.

Ningún comentario:

Publicar un comentario