24 de out. de 2018

A GUARDA

Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín

O xoves 25 de outubro, terá lugar a xornada inaugural 


Infogauda / A Guarda

 O xoves 25 de outubro ás 10:00 horas, terá lugar na Casa dos Alonso, a inauguración da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, acto que contará coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o concelleiro de Formación e Emprego, Manuel Javier Crespo González e a deputada provincial, Montserrat Magallanes Álvarez.  

 Trala inauguración, a coach e psicóloga social Susana Rodríguez presentará á primeira ponente desta edición, Gema Sánchez Cabezudo, quen realizará de 10:15h a 13:00h un obradoiro sobre «Competencias emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado».   

 Gema Sánchez Cabezudo é facilitadora do cambio, experta en orientación e asesoramento non directivo, coach profesional certificada, especializada no desenvolvemento de habilidades socioemocionais e na creación de estratexias de cambio sostible que permitan ás persoas, equipos e organizacións mellorar o seu desempeño e potenciar os seus recursos.   

 Trala pausa para o xantar, ás 18:30 horas terá lugar unha charla a cargo de Débora Ramonde Iglesias, directora da Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo.  

Débora Ramonde Iglesias

 Débora Ramonde Iglesias falará sobre os programas de apoio ao emprendemento «ViaGalicia» e tamén dos programas de apoio á internacionalización das Pymes «ViaExterior» que se levan a cabo dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Proxectos que contan cunha gran acollida e que teñen xa axudado a moitos emprendedores na creación de empresas e no seu salto ao mercado internacional.  

 De seguido, entre as 19:00 horas e as 20:30 horas, será a quenda de Jaume Gurt, director de organización e desenvolvemento de persoas en Schibsted Spain, grupo que aglutina ás marcas InfoJobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.  

Jaume Gurt

 Jaume Gurt falará na súa charla sobre «A felicidade nas novas organizacións» ¿Como queres ser feliz na túa vida sen ser feliz no teu traballo, cando pasas nel máis dun terzo do teu tempo? Un mundo cada vez máis tecnolóxico está empurrando ás persoas e á sociedade, cara a novos limites. O traballo e a vida corren cada vez máis rápido, máis presión, máis cambios, namentres as presas e a angustia apodéranse dos seres humanos. Como o ollo do furacán, no medio desta revolución nace a oportunidade dun gran cambio para as organizacións, por ás persoas no centro, creando entornos que faciliten a felicidade no traballo, e gañando en rentabilidade. Jaume Gurt o viviu e é consciente que realmente funciona. Descobre como se pode lograr a través desta interesante charla.  

 A Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días. Un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.  

 O proxecto conta cunha páxina web na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.  

 Máis información e inscricións na Omix ou AEDL do Concello da Guarda no 986 610 000 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es

 + INFO

Ningún comentario:

Publicar un comentario