4 de ago. de 2018

TOMIÑO

O CONCELLO HABILITA PARA O CURSO 2018/2019 UN ESPAZO NO IES ANTÓN ALONSO RÍOS ONDE O ALUMNADO PODERÁ XANTAR 

O ESTUDIO DE RADIO MOCIDADE NO INSTITUTO XA ESTÁ REMATADO E O ALUMNADO E O PROFESORADO PODERÁN UTILIZALO COMO FERRAMENTA DIDÁCTICA 

Parte da antiga cafetería do Instituto foi reconvertida no estudo de Radio Mocidade
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 No seu plan para mellorar as instalacións dos centros educativos do municipio, o Concello de Tomiño incluiu diversas melloras no IES Antón Alonso Ríos. A Asociación de Nais e Pais (ANPA) e o equipo directivo do instituto solicitou no consello escolar á habilitación dun espazo onde os nenos e nenas poidan comer. Especialmente os luns, cando teñen clase polas tardes e sobre todo os que viven nas parroquias afastadas do centro de Tomiño, teñen moi pouco tempo para xantar na casa. Por iso, o Concello xa rematou as obras para crear un espazo para que o estudantado poida quedarse a comer no centro. Está habilitado con dúas neveras para que poidan gardar os seus recipientes coas comidas, microondas e unha despensa para alimentos e utensilios de cociña.  

 O custe da obra foi de 5.000 euros e o novo comedor estará disponible dende o primeiro día do próximo curso. O Concello proporcionará ao centro ademáis dúas persoas para que supervisen ás rapazas e rapaces que se queden a comer.  

 Non será a única novidade do curso 2018/2019 no IES Antón Alonso Ríos. Parte da antiga cafetería do Instituto foi reconvertida no estudo de Radio Mocidade, unha emisora municipal que naceu en abril de 2011 e que ata fai uns meses estaba instalada na antiga nave de San Benito. A decisión de trasladala o IES foi para darlle un novo impulso e implicar ao alumnado en Radio Mocidade e que poida ser utilizada como un recurso pedagóxico e didáctico polo profesorado. Estará aberta a todos os alumnos e alumnas que queiran participar nunha emisora que ten como obxectivo dende a súa creación ser unha ferramenta de formación e divulgación aberta.  

 O IES Antón Alonso Ríos oferta educación secundaria, bacharelato e diversos ciclos de formación profesional, coma o de Aproveitamento e conservación do medio natural ou o de Instalación de Telecomunicacións. O volume de alumnos fai necesaria a ampliación do centro. O. Concello xa está traballando para conseguir que a Consellería de Educación atenda esta demanda e que inclúa nos orzamentos autonómicos do vindeiro ano esta necesaria reforma. O goberno municipal leva dous anos falando coa Xunta e mostrase optimista de que se leve a cabo a ampliación do Instituto, unha demanda reclamada en repetidas ocasións polo consello escolar e o equipo directivo do centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario