8 de ago. de 2018

SANIDADE

O BNG PIDE CONVOCAR TODAS AS PRAZAS VACANTES NO SERGAS E  REFORZAR URXENTEMENTE  O PERSOAL DOS PACs 

· Montserrat Prado afirma que Sanidade e SERGAS, coñecedores da sobrecarga de traballo e  falta de persoal nos centros de atención continuada non mudou a súa política de recortes e tenta “minimizar” a morte do paciente do PAC da Estada    

Acompañada  de membros do colectivo de profesionais dos PACs da Guarda, Tui e Vigo, a parlamentaria afirmou que esta morte “no é froito dunha casualidade, é o resultado dos recortes sanitarios do PP durante todos estes anos”

Infogauda / Santiago de Compostela

 A portavoz de sanidade de BNG, Montserrat Prado Cores trasladou as condolencias á familia e amigos do home falecido o pasado sábado no PAC do concello da Estrada cando o único facultativo  atendía outra urxencia fora do centro. A nacionalista pide que o conselleiro Almuíña compareza no Parlamento e asuma “a gravidade deste feito, produto dos recortes do Partido popular na sanidade pública galega”. 

 Acompañada  de membros do colectivo de profesionais dos PACs da Guarda, Tui e Vigo, a parlamentaria afirmou que esta morte “no é froito dunha casualidade, é o resultado dos recortes sanitarios do PP durante todos estes anos”. Nestes sentido instou ao titular da consellería, Jesús Vázquez Almuiña e os responsables do SERGAS a explicar no Parlamento o acontecido e asumir responsabilidades porque dende hai meses, explicou, o persoal dos puntos de atención continuada trasladaron á administración a situación de precariedade pero o “PP fai caso omiso das propostas e reivindicacións dos profesionais que mellor coñecen  esta realidade”.   

 Para a nacionalista, o Partido popular debe convencerse que non é posible facer máis con menos e a Xunta debe abordar, sen dilación, que existe un déficit de profesionais e recursos que repercuten moi negativamente nas persoas usuarias dos PACs. Os Centros de saúde  pechados polas tardes en período estival provocan unha sobrecarga de traballo nos puntos de atención continuada. Un traballo, manifestou a deputada, realizado “grazas ao grande voluntarismo do persoal”.  

 Os profesionais non son substituídos, non se cobren as prazas, non se realizaron reforzos e a Xunta segue afirmando que existe un déficit de profesionais, circunstancia que a nacionalista negou porque na sanidade privada, recalcou, “este déficit non  existe” e a maior parte dos profesionais proveñen da sanidade pública pero a privada oferta mellores condicións laborais.  

O BNG PIDE CONVOCAR TODAS AS PRAZAS VACANTES DO SERGAS    

 Prado asegurou que hai solucións pero urxe coñecer o número de prazas reais dos profesionais do SERGAS para analizar as necesidades e dispositivos a cubrir. Nesta liña, “despois de saber cales son as prioridades é preciso convocar todas as prazas vacantes no SERGAS con  emprego de calidade e estable que remate coa actual precarización”. Por outro lado, engadiu,  hai que  aumentar as prazas de formación nas universidades, as prazas MIR e restituír todos os dereitos e recursos recortados polo Partido popular nestes anos.  

 O Partido Popular debe amosar “vontade política” e mudar o rumbo e folla de ruta para non reincidir no deterioro sanitario. Prado e anunciou que o BNG seguirá “defendendo unha sanidade pública galega e sempre de  calidade”. 

PROFESIONAIS DOS PACs REIVINDICAN INCREMENTAR OS EFECTIVOS   

 Pola súa parte, Carlos Gabián , profesional sanitario no PAC de Tui explicou que os puntos de atención continuada foron creados para  atender as urxencias pero non para o resto de casos que deben ser atendidos nos Centros de Saúde, sen embargo o peche de centros de Saúde pola tarde en período estival  provoca a saturación nos PACs. Gabián pediu á administración que se sente cos profesionais e escoite as súas demandas para mellorar a asistencia sanitaria. Sentímonos  maltratados e pedimos a administración que reflexione porque as quendas de traballo nos PACs cada vez son maiores, non están dotados de persoal suficiente, temos problemas de conciliación e desgraciadamente, o acontecido  no PAC da Estrada pode repetirse.   

 Val Miñor, Ponteareas, Cambados, A Guarda son centros que precisan reforzo ao igual  que outros PACs de áreas con grande afluencia de  turismo e celebración de festas no período do verán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario