20 de xul. de 2018

TURISMO

A alcaldesa, Elena Candia, deu a coñecer na sede de Pangea esta celebración que se desenvolverá na cidade do 10 ao 12 de agosto  

O Concello de Mondoñedo presenta en Madrid a programación do XXVII Mercado Medieval, unha cita que gaña músculo e asistentes  

O evento, organizado polo Goberno local en colaboración con asociacións do municipio, conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Galego 

En total haberá máis de 70 actividades ao longo de toda a fin de semana e preto de 150 postos 

Un espectáculo de teatro musical da man da Escola de Música de Mondoñedo únese ás actividades de recreación histórica, animación de rúa, demostracións en vivo de oficios artesáns, o campamento medieval e o recuncho infantil  

Durante o acto, Elena Candia estivo acompañada polo responsable de relacións institucionais da Asociación Pueblos más bonitos de España, Pedro Fernández Arroyo, e polo recoñecido blogger de viaxes, Diego Pons
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A  alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presidiu hoxe na sede madrileña de ‘Pangea’, a tenda de viaxes máis grande do mundo, o acto de presentación da XXVII edición do Mercado Medieval que se desenvolverá do venres 10 ao domingo 12 de agosto na cidade mariñá.  

 A rexedora subliñou que esta cita, declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego, achega Mondoñedo ao seu pasado medieval do que conserva o seu entramado urbano e, polo tanto, se erixe como “o mellor escenario” para a celebración desta feira medieval. “Esta é unha das súas fortalezas fronte a outras celebracións galegas, xunto ao feito de ser a segunda máis antiga destas características e o de terse consolidado como un mercado atractivo para artesáns de diferentes comunidades”, indica.  

 Durante o acto, Elena Candia estivo acompañada polo responsable de relacións institucionais da Asociación Pueblos más bonitos de España, Pedro Fernández Arroyo, e polo recoñecido blogger de viaxes, Diego Pons. Ambos son “dous grandes apoios” á hora de ofrecer “máis difusión sobre os nosos reclamos como vila”. 

Máis de 35.000 visitantes 

 A alcaldesa destacou a transcendencia deste evento ao superar os 35.000 visitantes durante os tres días da última edición converténdose no principal reclamo turístico da vila. Deseguido, Elena Candia convidou a participar neste mercado medieval que se desenvolve nun “marco incomparable” e cunha cidadanía “implicada coa súa celebración dende as súas orixes”. 

 De feito, a rexedora mindoniense recordou tamén durante a súa intervención ás asociacións colaboradoras como é o caso dos Amigos do Mercado Medieval, a Asociación Xuvenil Xoldra e a Asociación Pasatempo que “ano tras ano traballan desinteresadamente” para facer desta cita unha festa de retorno ao medievo. 

 Novidades no programa 

 Unha mostra máis da implicación dos veciños e colectivos do municipio chega este ano coa participación dos membros da Escola de Música que estrearán un espectáculo de teatro musical ambientado na época medieval mindoniense. Tamén Souto Xímaro se une á celebración ofrecendo concertos de música da época. En total haberá máis de 70 actividades ao longo de toda a fin de semana e preto de 150 postos.  

 Esta nova edición continúa a ofrecer tamén numerosas horas de actividades dirixidas tanto a maiores coma a pequenos que inclúen recreacións históricas, teatro, música e demostracións en vivo; ademais de postos de artesáns que repiten cada ano, entre outras propostas que mergullan á localidade na época feudal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario