O ESCULTOR TOMIÑÉS ANTÚNEZ POUSA ABRE AS PORTAS DO SEU ESTUDO
NA RUTA DE ARTES E OFICIOS DESTE XOVES
A ACTIVIDADE É DE BALDE E A SAÍDA ESTÁ PREVISTA ÁS 20:30 DENDE O CAMPO DE FÚTBOL DO ALIVIO
Xosé Antúnez Pousa, escultor de Tomiño
Foto: Infogauda
Infogauda / Tomiño
As Rutas de Artes e Oficios organizadas polo Concello de Tomiño fan unha parada este xoves na obra do escultor tomiñés Antúnez Pousa. A saída será ás 20:30 h., dende o campo de fútbol do Alivio e dende alí partirase ata o estudio do artista, que abrirá as súas portas para aqueles interesados en coñecer a súa obra. A actividade é de balde e para todos os públicos e só é preciso insribirse na páxina web do Concello ou premendo eiquí.
O obxectivo das Rutas de Artes e Oficios é dar a coñecer a riqueza cultural e patrimonial do municipio. Pero dun xeito directo e diferente, coma é a visita aos talleres e estudos dos artitas locais co fin de coñecer de primeria man as súas obras e os procesos de traballo, así coma os materiais que cada un emprega para as súas creacións.
A primeira das rutas deste ano celebrouse o pasado 12 de xullo e dirixiuse a estudo de escultura e cerámica de Lilya Pobornikova e Nando Álvarez. A terceira será o 9 de agosto, coa pintora Pilar Alonso como protagonista e, a cuarta e última, o 30 de agosto co escultor Xuxo Vázquez. O ano pasado participaron nas Rutas de Artes e Oficios cinco artistas afincados en Tomiño: Eulalia Jackson, Magín Picallo, Fundición Arte Bronce e Carlos Fernández.
Antúnez Pousa, nado en Tomiño no 1945, é un dos artistas máis recoñecidos da comarca do Baixo Miño. A súa obra está presente en coleccións particulares e en diferentes espazos públicos de Galiza. Entre as súas creacións máis destacadas hai que mencionar o monumento ao Mariñeiro, no porto de A Guarda; o monumento a mestra Dna. Aurora González Neira, na Sangriña (A Guarda); o monumento ao Cabaqueiro, na Praza do Calvario, do Rosal; o monumento a Avelino Vicente González e o monumento a Manuel Díaz González "Ligero", no Centro Cultural da Guarda, ou o Pescador do Meixón, na Praza do Seixo, de Tomiño.
As súas esculturas mostran o interese pola materia, da que consegue sacar todo o seu potencial a través das diferentes texturas e posibilidades que lle da ao material co que traballa, principalmente granito, mármore e bronce.
Ningún comentario:
Publicar un comentario