19 de xul. de 2018

PONTEVEDRA

O ‘PLAN REVITALIZA’ CONVÍRTESE EN EXEMPLO DE XESTIÓN DE LIXO PARA TRES CONTINENTES: EUROPA, AMÉRICA E ÁFRICA   

O vicepresidente Mosquera anunciou que membros da Comisión Europea virán en outubro a Pontevedra a coñecer o plan de compostaxe provincial e que será exposto na Comisión Europea en novembro  

Carlos Pérez, asesor de residuos provincial nunha reunión na illa de Príncipe en África, espallando o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra
Fotos: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 O Plan Revitaliza da Deputación expándese cada vez máis como modelo de referencia para a xestión do lixo. Son moitas as localidades estranxeiras, estatais e nacionais que se teñen interesado por adaptar o plan provinciala os seus respectivos territorios, mais na última semana o Revitaliza chegou incluso ata a illa de Príncipe en África, un selecto destino turístico, a onde o asesor de residuos provincial Carlos Pérez se trasladou para dar a coñecer os principios básicos da compostaxe comunitaria en Pontevedra. 

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa

 Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, con esta nova solicitude de asesoramento son xa países de tres continentes diferentes (Europa, Centro e Sudamérica e África) os que apostan polo modelo pontevedrés. “O Plan Revitaliza, para o pouco tempo que leva en marcha, está a ter unha proxección enorme. Entrar nos circuítos e que se coñeza o que facemos aquí a nivel internacional  non é tan fácil. Por un lado é unha satisfacción e por outro unha responsabilidade, xa que o modelo non podería ‘ir arriba’ senón fose pola cualificación técnica de Carlos Pérez e as mestras e mestres composteiros que están a traballar, e pola participación extraordinaria da cidadanía”, apuntou o nacionalista.   

 Mosquera lembrou que hai xa meses estiveron en Pontevedra representantes tanto do goberno mexicano como da Universidade de São Paulo en Brasil para intentar mimetizar o Revitaliza nas súas localidades. No caso da illa africana de Príncipe, o técnico Carlos Pérez foi convidado polo goberno local para coñecer insitu o seu territorio: unha illa que en extensión e número de habitantes coincide co Concello de Vilaboa, e que é unha reserva da biosfera que ten como vocación ser un destino de turismo de elite, na que as mansións privadas de millonarios e persoas de moi grande poder adquisitivo ocupan a meirande parte da superficie. 

 “Alí teñen dúas necesidades: o tratamento das augas residuais e o tratamento de residuos. Son un referente estraño no Golfo de Guinea porque intentan ser unha ‘flor’ dentro da África negra, e o que precisan son solucións que se poidan aplicar e adaptar. Obviamente non se poden traspoñer solucións do mundo occidental directamente alí, pero si pretenden beber das nosas ideas e despois avanzar no desenvolvemento técnico”, subliñou o asesor Carlos Pérez.   

 Seguindo coas visitas internacionais, o vicepresidente Mosquera explicou que a Deputación acaba de recibir a convocatoria formal para participar en Bruxelas nunhas xornadas da Unión Europea sobre residuos e fracción orgánica, ademais de para presentar á Comisión Europea (Dirección Xeral 11- Medio Ambiente) o Plan Revitaliza, o vindeiro 19 de novembro. “Teñen un interese moi grande en que Pontevedra poida asistir a esas xornadas, nas que convocaron a experiencias e técnicos que poidan facer aportacións e concretar a lexislación sobre biorresiduos. Tamén comunicaron que nos meses de setembro ou outubro, antes de que nós vaiamos alá, o propio comisario e persoal técnico están interesados en ver a xestión do Revitaliza na provincia”, asegurou o vicepresidente.  

 Subvencións a concellos 

 Finalmente, o vicepresidente provincial destacou que mañá se van aprobar en Xunta de Goberno as bases para que os concellos que aínda non están adheridos ao Plan Revitaliza poidan facelo e prepararse así para a nova normativa en materia de residuos. Segundo destacou, esta nova convocatoria para incorporarse ao plan de compostaxe non estaba prevista, pero o endurecemento das esixencias para tratar o 100% dos biorresiduos en 2020 fixo que a Deputación tomara a decisión de darlles unha nova oportunidade. 

 A convocatoria, por outra parte, abre tamén a posibilidade de recibir subvencións para que os concellos poidan adquirir materiais (composteiros comunitarios, individuais), ferramentas, maquinaria e outro tipo de elementos para a implantación da compostaxe. En total destinaranse 2.000.000 de euros a estas novas axudas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario