16 de xul. de 2018

PONTEVEDRA

O programa Depotermal 2019 bota a andar coa aprobación do contrato para a súa adxudicación 

Máis de 4.000 persoas maiores se poderán acoller a esta iniciativa, que busca mellorar a calidade de vida da terceira idade e dinamizar o sector turístico nos meses de menor actividade   


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, en Xunta de Goberno, o expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto, do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa Depotermal 2019. Trátase do programa de termalismo social que ten por finalidade dous obxectivos: mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e ao mesmo tempo, ser un plan dinamizador da economía da provincia ao darlle pulo ao sector turístico naqueles meses de menor actividade.  

 Con esta nova contratación, o Goberno provincial continúa a súa senda pioneira de introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos, tal e como se establece na nova Lei de contratos do sector público. Recentemente, o programa "Tecendo lazos" e "DepoIntegra 2" foron os primeiros en incorporar cláusulas sociais nos contratos para adxudicar a súa execución.  

 No caso de Depotermal 2019, e tal e como recolle o expediente aprobado en Xunta de Goberno, vaise valorar con ata 8 puntos o compromiso da empresa para mellorar as condicións laborais e salariais por riba do convenio sectorial e territorial ás persoas guías oficiais do programa, así como con ata 5 puntos o compromiso de incluír dentro do equipo humano a persoas menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional.  

 Depotermal 2019 ofertará un total de 4.434 prazas para as súas dúas modalidades: 1.248 para a diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e 3.186 para o programa termal con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Como vén ocorrendo desde 2016, a Deputación financia integramente 434 prazas, en ambas modalidades, para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar desta iniciativa.  

 O plan de termalismo social Depotermal fomenta o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas maiores, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades sociais, promovendo así espazos de encontro e intercambio de experiencias. Por outro lado, Depotermal tamén pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, a través do que se impulsa a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando así a demanda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario