A CIG insta a administración a establecer coeficientes redutores da idade de xubilación para o persoal do naval
A central, na súa condición de sindicato máis representativo, vén de rexistrar a petición ao Ministerio de Traballo
Infogauda / Ferrol
A CIG vén de instar por
escrito ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social a que inicie os trámites
legais para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación
para os traballadores e traballadoras do sector naval. Deste xeito, a central
dá resposta a unha reivindicación que dende hai tempo se viña debatendo entre o
persoal e que "é de xustiza".
A Federación de
Industria fai esta solicitude seguindo a normativa vixente, pola cal as
organizacións sindicais (a CIG ten a condición de sindicato máis
representativo) poden instar a administración a que inicie o procedemento para
o estabelecemento de coeficientes redutores ou a anticipación da idade de
xubilación. A reivindicación abarca ao persoal das empresas do naval tanto de
titularidade pública como privada, así como ás súas industrias auxiliares.
"Facémonos eco
dunha demanda do sector, onde existe a unánime convicción da necesidade desta
medida, coñecedores como son das duras condicións do traballo e das múltiples
patoloxías que van acumulando co tempo, que dan como resultado que a penosidade
da actividade laboral aumente exponencialmente co paso dos anos", subliña
a CIG-Industria.
Unha actividade moi esixente e con riscos
A Lei Xeral da
Seguridade Social estipula que se poderá rebaixar a idade de xubilación
naqueles grupos ou actividades profesionais nos que se fagan traballos
excepcionalmente penosos, tóxicos, perigosos ou insalubres, que rexistren
elevados índices de morbilidade ou mortalidade e nos que non sexa posíbel a
modificación das condicións laborais.
Para fundamentar a
petición, a CIG parte da comparación das condicións do persoal do naval coas
que teñen os traballadores/as da estiba, por presentaren factores comúns e desenvolvérense
en situacións similares. Ao igual que no sector da estiba, no naval o persoal
ten que realizar tarefas fisicamente moi esixentes (con continuos desprazamentos
entre diferentes niveis transportando equipos de traballo), nas mesmas ou
semellantes localizacións (peiraos, a bordo, diques, gradas, explanadas
portuarias, etc.) e expostos a todo tipo de meteoroloxía.
Ademais, o sector naval
reúne unha combinación de riscos como tóxicos, traballos en altura, espazos
confinados, atmosferas explosivas ou desprazamentos de grandes cargas, que
ocasionan que estea encadrada no regulamento dos servizos de prevención
"como actividade perigosa aos efectos de coordinación de actividades
empresariais".
Xunto a isto, hai que
ter en conta o impacto nas condicións de traballo da eventualidade do persoal,
que xa se converteu en característica estrutural do sector; ou as consecuencias
derivadas das prolongacións habituais de xornada e o réxime de traballo a
quendas -incluído a nocturna.
Mención especial merece
a problemática de saúde orixinada polo amianto, que ten provocado a existencia
dun continxente de traballadores e traballadoras afectadas no sector naval,
aínda en activo e sen cuantificar.
Proceso administrativo complexo
Neste senso, dende
CIG-Industria entenden que o estudo destes factores, xunto coa análise da sinistralidade,
morbilidade, minusvalías e incapacidades do persoal do naval, consideradas
conxuntamente as derivadas de continxencias comúns e as derivadas das
continxencias profesionais, así como a esperanza de vida deste colectivo
laboral "resultará profundamente revelador da necesidade de implantar un
sistema de coeficientes redutores e a anticipación da idade de
xubilación".
Dende a Federación de
Industria da CIG adiantan que, de admitirse a trámite a solicitude, a
administración terá que recoller os informes preceptivos dos organismos
competentes e escoitar as organizacións sindicais e patronais máis
representativas, antes de ditar resolución. "Iniciamos un procedemento
administrativo que sabemos será prolongado, coa intención de ir acompañando
cada un dos pasos e trámites que a propia administración impulsará de oficio,
con reunións e entrevistas cos organismos competentes, e mesmo cos responsábeis
gobernativos", conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario