14 de xul. de 2018

GOIÁN (TOMIÑO)

XEIRAS IEM 2018

Arquitectura militar histórica. Fortalezas

Xoves 19 de xullo ás 18:30 horas no Pazo-Torre dos Correa 

Fortaleza de San Lourenzo, en Goián

IEM / Goián 

 O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 horas, terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.  

 HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.   


 AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018   

ARQUITECTURA MILITAR HISTÓRICA. FORTALEZAS DE GOIÁN   

Guía ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO   

 O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías. En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta. O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico. 

 Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lovelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. 

 Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario