20 de xul. de 2018

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA DESTINOU 183.000 EUROS A 5 ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO DO BAIXO MIÑO PARA CONTRATAR A 11 DESEMPREGADOS  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, lembrou que hoxe publicouse no DOG o novo programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro que financiará a contratación de desempregados durante 9 meses a tempo completo   

· A iniciativa ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional para facilitar a súa inserción no mercado laboral 

· A Consellería de Economía, Emprego e Industria estima un importe medio por entidade de 64.800€, o que supón máis do dobre que na convocatoria de 2017 

· Como novidade, priorizarase nesta convocatoria ás entidades que desenvolven proxectos singulares, é dicir, as que prestan servizos a outros colectivos, contan cun máis dunha área de actuación a nivel autonómico e teñen máis de 100 traballadores   

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe do novo programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 8,1 millóns de euros para apoiar a contratación de 473 persoas sen emprego a través de 125 asociacións. Estímase unha axuda media por entidade de 64.800 euros, o que supón máis do dobre que na convocatoria anterior.   

 Cores Tourís fixo referencia aos 183.000 euros que a Xunta destinou o ano pasado, dentro deste programa, a 5 entidades sen ánimo de lucro da comarca do Baixo Miño, e que permitiu a contratación de 11 desempregados. Deste xeito, beneficiáronse na Guarda a asociación de San Xerome Emiliani, a Fundación As Samaritanas e a Asociación Avelaíña. En Tomiño, recibiu esta axuda a asociación de persoas con discapacidade Vontade e, finalmente, en Tui, a asociación galega de Residencias e Centros Anciáns.  

 En total, a provincia de Pontevedra recibiu o ano pasado un total de 1.950.000 euros que foron destinados a 64 entidades sen ánimo de lucro e que permitiron a contratación de 130 persoas sen emprego.   

 Esta iniciativa, que hoxe volver a convocarse, ten por obxecto a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sempre que estean inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (Ruepss), é dicir, a actuación ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional durante 9 meses a tempo completo para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral.   
 As asociacións interesadas teñen ata o próximo 20 de agosto para presentar as súas solicitudes.   

 Como novidade, nesta edición, introdúcese a figura das entidades que desenvolven proxectos singulares: as que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico e teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Para estas asociacións destínanse 3 millóns de euros do orzamento global da orde de axudas, un 37% do total.   

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén inclúe nesta convocatoria melloras para simplificar e facilitar a xestión ás entidades nas contratacións, reducindo a documentación que teñen que presentar na solicitude. Establécese, ademais, un límite máximo da contía do apoio por entidade de 210.000€ e un anticipo do 90% da axuda tras a resolución. Esta iniciativa permitiu nas dúas últimas edicións a contratación de 955 persoas sen emprego en 513 entidades sen ánimo de lucro.   

 Este programa, que forma parte da Axenda 20, dá continuidade ás políticas activas de emprego dirixidas a favorecer a calidade do mercado laboral. A actuación, ademais, complementa ás axudas de cooperación para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, unha iniciativa novidosa que se atopa en fase de resolución. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario