30 de xul. de 2018

A GUARDA

O Casco histórico da Guarda será o escenario da cuarta visita teatralizada  

Estes xoves, día 2 de agosto, ás 21:00 h., desde á Praza do Reló

Esta actividade amosa á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 2 de agosto, A Guarda oferta a cuarta cita da programación de visitas teatralizadas que se repite semanalmente os xoves ás 21:00 horas, durante todo o verán ata o 30 de agosto, agás o vindeiro 9 de agosto, que non se realiza por coincidir coas Festas do Monte Santa Trega. 

 Tralo éxito das tres primeiras sesións, dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía e aos visitantes, a que aproveiten esta oportunidade para coñecer un pouco da historia da nosa vila, dun xeito moi divertido e ameno. 

 Baixo o lema De alén mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do I centenario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán toman coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, da autoría do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez. 

 Esta actividade amosa á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes neste espectáculo. As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorren o centro histórico, comezando ás 21:00 h. na Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda, onde rematan cunha actuación musical. 

Lucho Penabade e Tero Rodríguez

 Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga desde fai anos, as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro do municipio. 

 A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais, que variarán cada xoves. 

 Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que congregou a case un cento de veciños e visitantes.  

 Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario