21 de xul. de 2018

A GUARDA

CULTURA

"ASÍ SOMOS": UNHA PERSOALÍSIMA VISIÓN FOTOGRÁFICA DA NOSA IDENTIDADE COMO POBO

· A exposición pode visitarse ata o 26 de agosto de 2018, na Casa dos Alonso


Unha das fotografías que forman parte da exposición Así somos 
Foto: Mac / Reproducción: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Chegou onde nós fai uns cantos anos e polo seu xeito de desenvolverse, polo seu respecto, pola súa educación,... e por outros moitos valores que posúe, non tivemos ningún reparo en acollelo como un máis. Como un dos nosos. El chámase Marius, ainda que para presentarse prefire empregar o acrónimo Mac. Así de sinxelo. 

 É unha desas persoas que ten como compañeira inseparable súa cámara fotográfica. Poderíamos decir que ela é unha prolongación da súa anatomía, e como tal, capta, de xeito selectivo, prácticamente todo canto pasa por diante da súa retina. E as veces, mesmo recrea aquilo que seus ollos viron e os demais no atinamos a ollar.

 Desde que chegou a Camposancos sorpréndenos cada día coa súa incesante actividade fotográfica e cando compartimos tempo e espazo, agásallanos coa súa grata conversa, sin facer ningún tipo de distingos, o cal di moito, e ben, da súa persoalidade.

 Desde o Concello de A Guarda, o executivo municipal, viu a oportunidade de amosar a veciños e visitantes como somos. Poñendo en valor, non soio o noso inigualable enclave, súa maxestuosidade paisaxística, seus innumerables atractivos, ..., senón ás persoas que compartimos a biodiversidade que nos foi legada. 

 "Así somos" é unha fermosa síntese do potencial humano que posúe A Guarda. Un pobo milenario, de mulleres e homes con inquedanzas. Unha sociedade civil que logrou superar vellas tribalidades, aprendendo a coexistir e a relacionarse na irmandade da Cultura, nas súas diversas expresions, e tamén noutras actividades: deportivas, laborais, lúdicas, relixiosas, sociais,...

 O acto de apertura da mostra fotográfica "Así somos", tivo lugar no marco incomparable da Praza do Reló. Así, o abeiro da Torre do Reló, da Casa do Concello e das vivendas do entorno, que configuran ese espazo público que foi o centro da antiga vila fortificada, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez, deron á benvida a veciños e visitantes.

Mac coa súa cámara, vivindo á emoción do acto previo á apertura da exposición Así somos
Fotos: Infogauda

 Os compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixidos por Víctor Luis Alonso Treinta, brindaron a tódolos presentes, unha mostra do seu labor, interpretando tres pezas musicais - "Banda galega" (Pasodoble), de Felisindo Pérez Seara; "Na rúa do porto", de Alsirio Fernández Rodríguez; e "A Pepa", de Xosé Oro Val -  que foron correspondidas cos aplausos das autoridades municipais e do respetable público.


O alcalde na súa intervención, en presenza da concelleira de Cultura

 Deseguido, a concelleira de Cultura, dirixiu unhas verbas a tódolos presentes salientando que “as fotografias reflexan a sociedade guardesa, segundo a ollada dun artista francés”, dando a continuación paso o alcalde, quen explicou o motivo desta exposición, que a diferenza de outras anteriores, adicadas a Alicia Alonso, Xavier Pousa, Xoán Piñeiro, Jorge Barbi e Joaquín García, que foron concebidas como homenaxe a eses creadores; esta vai dirixida o pobo guardés por sermos os protagonistas da nosa propia historia.

 Na súa intervención, o alcalde, entre outras cousas, dixo: 

 "Así somos.

 A mirada allea, atenta e sorprendida do artista que quere ser anónimo e pasar inadvertido, trae ante nós unhas instantáneas que só un observador namorado do noso pobo poder captar con tanta paixón.


 O noso fotógrafo fala con emoción deste territorio; describe con máis xestos que palabras, a sensación de espertar cada mañá coa visión inspiradora do amencer sobre o pai Miño. Sempre discreto, mestúrase con nós, atento aos latexos que manteñen a nosa vitalidade colectiva, busca traspasar a barreira de desconfianza inicial para adentrarse no noso mundo. Así, sen alteralo, inspirado quizais no recendo desta terra fronteiriza de paisaxes e atmosferas fantásticas, busca a esencia das nosas xentes, xoga cos movementos, coas cores, coa néboa, co mar e con mil matices que nos identifican para ofrecernos a súa visión sobre nós.


 Chegamos a un pacto, ofrecémoslle o noso escenario vital para que el fixese a súa narración, para que á vista dos seus ollos nos contara como somos. Velaquí o resultado segundo ese home que anda por aí todo o día canda a súa cámara. Así somos."

 Trala intervención do alcalde Antonio Lomba Baz, membros da Corporación Municipal, o fotógrafo Mac, familiares e amigos, veciños e visitantes, pasamos o interior da Casa dos Alonso. Alí pudemos ter un primeiro contacto coas imaxes escolmadas para a mostra "Así somos", organizada polo Concello de A Guarda, coordinada e montada polo Departamento de Cultura, e comisariada por Miguel Ángel Álvarez Pérez.


O acto de inauguración estivo moi concorrido
Na inauguración estiveron familiares e amigos de Mac, que departiron con varias persoas de A Guarda

 Trátase dunha exposición, en obrigada síntese obviamente, por razóns de espazo, da labor fotográfica de Mac, na que están mulleres e homes que desenvolven súa labor cotiá na Guarda. Que ademáis de traballar, teñen tempo para cantar, para bailar, para vivilas nosas tradicions, para gozar dos manxares do mar e da terra, para ofrecer seu impagable esforzo na súa ofrenda o Santísimo Sacramento, para apoiar o deporte, para exercer á solidariedade,... En definitiva, para exercer como guardeses. Así somos.

 E ademáis das fotografías que penduran das paredes da sala de exposición da Casa dos Alonso, hai unha sala anexa, onde de xeito ininterrumpido se amosa unha proxección de imaxes do mesmo autor, coas cales podemos completar o disfrute da mostra, na que intuimos o criterio selectivo das instantáneas. 

 O Concello de A Guarda editou un catálogo da exposición Así somos que está a venda na Casa dos Alonso.

 A exposición Así somos pódese visitar ata o 26 de agosto de 2018.

 Horarios: 

 Martes a sábados, de 12:00 a 14:00 h., e de 19:00 a 22:00 h.

 Domingos e festivos: De 12:00 a 14:00 h.

GALERÍA DE IMAXES DO ACTO DE APERTURA E DA EXPOSICIÓN "ASÍ SOMOS"

Ningún comentario:

Publicar un comentario