2 de xul. de 2018

A GUARDA

Excelente acollida de público na presentación do derradeiro libro de Joaquín Miguel Villa  

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e Joaquín Miguel Villa Álvarez, historiador guardés
Vista parcial do público que asistiu á presentación do novo libro de Joaquín  Miguel Villa Álvarez
Fotos: C. A. G.

Jorge Alonso / A Guarda

 O Centro Cultural da Guarda acolleu o pasado venres a presentación do libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez.  


 Nesta presentación J. Miguel Villa explicou aos presentes o traballo de investigación da xénese e historia do Hospital Casa-Asilo da Guarda, emblemático edificio, que alberga hoxe as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro, no centenario da comisión que se formou en Puerto Rico para a súa construción. Moi boa acollida de público que case completou o aforo do Salón de actos do Centro Cultural da Guarda.  


 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz destacou na súa intervención que este libro “é moi importante para A Guarda, por divulgar a historia e por en valor unha investigación minuciosa feita por Joaquin Miguel Villa”.  

 J. Miguel Villa é Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e centrou gran parte do seu traballo na investigación dos movementos migratorios entre A Guarda e diversos países de América Latina, que o levou a publicación de varios libros e ensaios esta temática.  

 O libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico” examina máis polo miúdo como foi o proceso de formación dunha xunta organizadora no ano 1918 en Puerto Rico, encargada da obtención dos recursos económicos para a construción dun Hospital na Guarda, dada a necesidade destas instalacións sanitarias na vila e da existencia de moitas familias necesitadas e con poucos recursos, que non tiñan opción dunha atención médica de calidade.   

 En palabras de J. Miguel Villa, este edificio é “un legado de patrimonio para A Guarda” e un “símbolo da emigración”. 

 O libro está a disposición de quen desexe mercalo a un prezo de 10€ no Centro Cultural da Guarda en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario