28 de xuño de 2018

TUI

O PP propón ao Bipartito provincial que destine algúns dos 163 millóns de euros que están sen usar na caixa da Deputación para axudar aos veciños de Tui  

O deputado Santiago Rodríguez defenderá mañá unha moción no pleno provincial para reclamar maior implicación e axudas económicas para os afectados. 

“É cuestión de vontade, porque se verdadeiramente Carmela Silva e o Bipartito PSOE-BNG queren colaborar, a Deputación ten recursos para facelo e para facelo xa”.  

Santiago Rodríguez Davila, deputa do grupo provincial do Partido Popular

Infogauda / Tui

 O grupo provincial do Partido Popular defenderá este venres día 29 de xuño, no pleno da Deputación de Pontevedra unha moción para reclamar ao Goberno Bipartito unha liña de axudas económicas para os afectados pola explosión de Tui. O deputado Santiago Rodríguez Davila recorda que “foi unha traxedia moi grave, unha situación excepcional e por iso require medidas excepcionais e rápidas de todas as administracións”.  

 Os populares entenden que a Deputación non pode quedar allea a colaborar con axudas económicas directas. “É a administración máis próxima aos concellos e, polo tanto, ten a obriga, a responsabilidade e a competencia de axudar aos concellos”. Por iso, reclaman que a Deputación “se implique de verdade” e aprobe “sen máis demoras axudas extraordinarias directas”. Nesta liña, Santiago Rodríguez recorda que “na caixa da Deputación hai cartos para poder facer fronte a estas axudas, hai 163 millóns de euros parados, sen usar, e dos que o Bipartito pode dispoñer de xeito inmediato sempre que queiran”.   

 Por iso, sinala o deputado provincial, “é cuestión de vontade, porque se verdadeiramente Carmela Silva e o Bipartito PSOE-BNG queren colaborar, a Deputación ten recursos para facelo e para facelo xa”. Ademais, sinala que “os compromisos non poden quedar en anuncios e postureos que buscan o impacto mediático tras a traxedia, a implicación ten que ser real”.  

 Os populares recordan que xa intentaron defender esta moción no anterior pleno provincial do mes de maio pola vía de urxencia, “pero Carmela Silva non aceptou o seu debate”. Agora, insisten, “confiamos en que recapacitasen neste tempo e sexan conscientes da urxencia de que todas e cada unha das administracións, independentemente da cor política, colaboren con axudas”.   

 Santiago Rodríguez tamén urxe ao Goberno de España que aprobe sen máis dilacións a declaración de zona catastrófica. “O PP deixou todos os requirimentos e a documentación enviadas, só teñen que aprobar a declaración no Consello de Ministros”, explica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario