O BNG PRESENTA NO PARLAMENTO GALEGO UNHA BATERÍA DE INICIATIVAS ANTE A TRAXEDIA DE PARAMOS
· A deputada Montse Prado critica a pouca cordinación do Goberno Galego ante unha situación que cualifica de excepcionalidade.
A deputada do BNG Montserrat Prado Cores - no centro da imaxe, coa portavoz municipal en Tui, Carme Núñez, e Xosé M. Tato, concelleiro do BNG
Infogauda / Tui
A deputada do BNG Montserrat Prado Cores, a portavoz municipal en Tui, Carme Núñez, e Xosé M. Tato, concelleiro do BNG, deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa, despois de manter unha xuntanza, na zona cero de Paramos, cos portavoces da Plataforma de afectados, unha batería de iniciativas presentadas no Parlamento Galego que recolle as demandas da Plataforma de Afectadas/os pola explosión de Paramos, e, que busca un "plan de actuación concreto, que non sexa simplemente un anuncio de axudas que se dilatan no tempo".
"Cun balance de dúas víctimas mortais, dúas crianzas orfas, máis de 311 vivendas afectadas, 63 vehículos danados ,e 792 persoas afectadas, o BNG demanda que a administración pública debe ser eficiente, áxil, e pasar acción", afirmou Montserrat Prado.
A parlamentaria do BNG fixo tamén: "Así as cousas, o pasado xoves publicábase no D.O.G. a orde de axudas para a rehabilitación de vivendas, a cal as nacionalistas consideramos que as contías que contempla dita orde son totalmente insuficientes, pois, defendemos que se debe cubrir o 100% do custe da vivenda, sexa vivenda habitual ou non. Denunciamos tamén que é incomprensíbel que nesta orde non se recolla a reposición de vehículos e axudas directas a empresas afectadas, e , a súa vez, a insuficiente partida no caso dos enxovais. Asímesmo consideramos que se debe especificar, dun xeito claro e conciso que as axudas estean exentas de tributar para evitar posíbeis atrancos, pois tal e como está redactada pode dar lugar a outra interpretación".
"Nunha situación coma esta, cómpre que a Xunta de Galicia, vía catastro, rexistro da propiedade, etc, recopile toda a documentación necesaria,e, poña os medios suficientes para axilizar a tramitación,como se ten feito noutras ocasións, e evitar estes trasnorno aos afectados e afectadas" apuntou a deputada Montserrat Prado.
Ante unha catástrofe desta magnitude, as afectadas e afectados precisan de ter unha atención psicolóxica. "Para o BNG é imprescindible que se dote ao centro de saúde de Tui de persoal psicolóxico e así evitar o desprazamento a Vigo que non é unha solución moi acaída, esta medida mínima hai que prestala no inmediato", comentou a deputada nacionalista.
"Por outra banda - engadiu Prado Cores -, consideramos que a Xunta debe de cordinar e porse ao frente de coa labor de desentullo. A través do ISGA poden autorizar a unha empresa para comezar canto antes coas obras de rehabilitación para que os afectados e afectadas poidan ir recuperando as súas vidas".
O BNG apunta que "xa é hora de pasar a acción e deixarse de boas palabras, e, todas estas propostas son perfectamente viables e realizables".
Ningún comentario:
Publicar un comentario