A DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA ACOLLEU ESTA TARDE A PRESENTACIÓN DA FESTA ARDE LUCUS MMXVIII QUE SE CELEBRARÁ EN LUGO ESTE FIN DE SEMANA
Interviñeron dous lucenses de pro, José Ramón Ónega e Carmen Basadre, quen convidou aos posibles visitantes e falou dos 350 actos do programa desta edición
A concelleira de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua, Carmen Basadre co delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega
Foto: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
“Quen acuda a Lugo estes días en ALSA, ou en ARRIVA, poderán facelo cun desconto do 25% e do 10% respectivamente”, dixo a concelleira de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua, Carmen Basadre na rolda de prensa/presentación de "ARDE LUCUS, MMXVIII", festa declarada o pasado ano de Interese Turístico Nacional e que se celebrará na cidade lucense o próximo fin de semana, os días, 15, 16 e 17 de xuño, cunha ampla programación que inclúe máis de 350 actividades das cales o 90% son novidades.
“Se lles digo que este acto emocióname e conmóveme, non lles minto”, sinalou tras as súas palabras de benvida o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. “Son lugués de nacemento e todo o que se refire a Lugo ten un lugar especial no meu corazón”, engadiu. “A Lugo sempre volvemos os que de Lugo saímos. Chegas malo de nostalxia e morriña e convérteste en Augusto, que fundou a cidade; tocas unha pedra e contéstache en latín; falas en galego e contéstanche en decasílabos de Virgilio, Horacio e Ovidio, porque Lugo é Roma ata a alma. Grazas Carmen, por traer a Madrid un sopro de felicidade”, dixo.
Pola súa banda, Basadre desprazouse este luns á Casa de Galicia en Madrid coa finalidade de convidar á poboación madrileña a “invadir Lvcvs Avgvsti o próximo fin de semana e revivir, xunto ás e os lucenses, a historia da cidade, e gozar do legado cultural en directo, en primeira persoa”.
Tras a proxección dun vídeo con magníficas imaxes de edicións anteriores, que ben poderían ser dunha superproducción sobre o imperio romano, a concelleira enumerou as múltiples potencialidades do Arde Lvcvs, que este ano engloba “máis de 350 actividades para viaxar no tempo 2.000 anos atrás, organizadas tanto polo Concello como polas asociacións de recreación histórica, dirixidas a todos os públicos e en espazos destacados da cidade, con grandes novidades”. Nesta liña, Basadre anunciou o cambio de localización da Castra de Lvcvs Avgvsti, que neste ano pasará ao Parque de Rosalía de Castro, a II Mvrvs Lvcis, que enfrontará, nunha carreira polo adarve da Muralla a romanos e castrexos; o espectáculo nocturno Divinivm, no que guerreiros e guerreiras deben superar probas de lume e auga; o Recuncho do Teatro no patio exterior do Vello Cárcere, ou as distintas actividades programadas polas 17 asociacións de Lugo e as compañías de teatro da cidade. Así mesmo, Basadre deu conta da continuidade de actividades de gran éxito e expectación, como o seguen sendo o Circo Romano, o Desfile pola Rolda da Muralla, na que participan asociacións de Lugo, Galicia, do resto do territorio nacional e mesmo doutros paises como Francia, Italia e Romanía, cun total de 44 colectivos; e o Desfile dos Colexios, ao que está previsto que acudan máis de 4.000 participantes da comunidade escolar lucense.
Carmen Basadre engadiu que as festas se desenvolven en escenarios do patrimonio histórico. Ademais de na Muralla, tamén o fan na Ponte ou nas Termas Romanas, onde se realizará a ofrenda ás ninfas, tras a entrada das lexións.
A participación fai grande ao Arde Lvcvs
Na presentación, Carmen Basadre tamén destacou a ampla participación e implicación de toda a poboación da cidade. “É unha das peculiaridades destes festexos, que fixo que o ano pasado fose declarada Festa de Interese Nacional, e pola que estamos a traballar para que lle sexa concedido o recoñecemento internacional”. Deste xeito a concelleira agradeceu publicamente a participación e implicación da cidadanía, de axentes sociais, clubs deportivos, organismos privados a través do patrocinio, a Deputación de Lugo, e por suposto, das asociacións de Lugo, que levan a cabo unha recreación histórica fidedigna ao redor dos seus campamentos, situados en distintas prazas e lugares, que sosteñen un gran número de actividades do programa.
Non quixo finalizar Basadre sen lembrar o desconto que a empresa ALSA ofrece a cuantos se achéguen a Lugo nestas datas, un 25%, ao que hai que sumar o que a compañía ARRIVA ofrece, unha redución do 10% en todos os billetes de autobús os propios días do Arde Lucus.
Ningún comentario:
Publicar un comentario