5 de xuño de 2018

A GUARDA

Pòvoa de Varzim visitou A Guarda para dar a coñecer as súas Festas de São Pedro 

· A programación das festas incluirá unha exposición dedicada ao patrimonio histórico-cultural da Guarda presente na Póvoa de Varzim.  

Algúns dos compoñentes da Rusga de Póvoa de Varzim desfile pola rúa do Porto, de A Guarda


Informa (fotografías e redacción): Sara Alonso / A Guarda

 A vereadora de Turismo da Câmara Municipal da Pòvoa de Varzim, María Lucinda Campos, visitou o pasado sábado A Guarda co fin dar a coñecer e convidar aos guardeses e guardesas ás festas grandes da localidade portuguesa, que se celebrarán entre o 25 de xuño e o 7 de xullo na honra de São Pedro.  

 A edil lusa e o director da Biblioteca Municipal Rocha Peixoto, Manuel Costa, foron recibidos no auditorio de San Bieito polo alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o secretario da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Celso R. Fariñas.  

O alcalde de A Guarda salientou o vínculo histórico de ámbolos dous pobos, «unidos por lazos ancestrais»

 O representante de Piueiro -asociación impulsora do recibimento- destacou durante o acto a «valiosa colaboración» de Pòvoa de Varzim no impulso da candidatura guardesa para acoller o próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. A décimo cuarta edición desta celebración da cultura marítima terá lugar finalmente no porto Guarda en xullo de 2019 e nela participarán, entre moitas outras, as tradicionais lanchas poveiras.   


 Segundo avanzou María Lucinda Campos, as Festas de São Pedro incluirán na súa programación unha exposición dedicada ao patrimonio histórico-cultural da Guarda presente na Póvoa de Varzim, cunha mostra etnográfica sobre as artes de pesca. Nesta liña, o rexedor local salientou o vínculo histórico de ámbolos dous pobos, «unidos por lazos ancestrais» dos que dan boa conta as marcas poveiras gravadas na estela que, xunto á ermida de Santa Trega, renden homenaxe á Póvoa de Varzim.
   
As persoas asistentes puideron gozar dunha degustación de rabanadas poveiras

 Os representantes poveiros e guardeses aproveitaron o encontro para realizar un intercambio folclórico e cultural coa actuación do grupo guardés de gaitas A Boalleira e a Rusga da Póvoa, na que se representan os 6 barrios populares da cidade (Matriz, Norte, Sul, Mariadeira, Regufe e Belém).   

 Ao remate do acto, as persoas asistentes puideron gozar dunha degustación de rabanadas poveiras, un doce típico da localidade portuguesa elaborado a base de ovos, pan, leite, azucre e canela. 

GALERÍA DE IMAXES, DE INFOGAUDA, CORRESPONDENTES Á PRESENTACIÓN DAS FESTAS DE S. PEDRO

Ningún comentario:

Publicar un comentario