30 de maio de 2018

XUVENTUDE

Aberto o prazo para participar no XXI Certame fotográfico «Viaxando»  

As fotografías poderán presentarse ata o vindeiro 26 de setembro


Sara Alonso / A Guarda

 As Oficinas Municipais de Información á Xuventude (OMIX) dos concellos de Tomiño, Gondomar, Tomiño, Salceda de Caselas, Baiona, O Rosal, O Porriño, A Guarda e o Espazo Xove de Tui, convocan o XII Certame fotográfico «Viaxando».  

 O concurso está aberto á participación de mozas e mozos de entre 12 e 35 anos que presenten imaxes orixinais con temática relacionada co título do certame. Cada participante pode presentar unha única fotografía en cor ou branco e negro. Esta deberá presentarse en papel fotográfico cun tamaño de 20X30 e pegadas sobre unha cartolina negra DIN A3.  

 A fotografía deberá ser orixinal, inédita e non ter sido premiada nin recoñecida ou seleccionada noutros certames. Asemade, deberán estar libres de dereitos que poidan posuír terceiros e, no caso de retratar a persoas menores de idade, concursarán baixo a responsabilidade do autor/a. 

 Os traballos deberán entregarse nun sobre pechado coa indicación «VIAXANDO» e o pseudónimo da persoa autora no seu exterior. Pola súa parte, as fotografías deberán indicar no  dorso o seu título e o pseudónimo da persoa autora. Dentro deste, deberá incluirse outro sobre pechado de menor tamaño en cuxa parte externa debe figurar o pseudónimo da fotógrafa ou fotografo e, no interior, deben recollerse os seguintes datos: nome completo, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia.  

 As imaxes poderán entregarse en calquera das entidades organizadoras ata o 26 de setembro. Concederase un único premio consistente nun curso personalizado de fotografía. Coas imaxes presentadas realizarase unha exposición itinerante que percorrerá o Espazo Xove de Tui e as OMIX que forman parte deste traballo en rede, inaugurándose oficialmente no Concello de Gondomar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario