11 de maio de 2018

VIGO

A CIG-Saúde denuncia a parálise da integración da Resonancia Magnética de GALARIA no servizo de radioloxía da EOXI de Vigo


Nunha nota aos medios do 26 de marzo a CIG-Saúde xa manifestara a súa preocupación pola lentitude da integración funcional da RM de Galaria no servizo de radioloxía da EOXI de Vigo, a nota dicía:
CIG-Saúde esixe a completa integración de todos os servizos sanitarios xestionados por GALARIA (medicina nuclear, radioterapia, ciclotrón e RM) na EOXI de Vigo, máxime cando o propio Xerente do SERGAS ten recoñecido que os equipamentos que utiliza GALARIA son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario.
Para que esta integración sexa posible a Administración Sanitaria ten que recuperar a súa aposta do 2015, cando defendía a importancia da integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral das e dos doentes.
Agora, a través da preocupación expresada por unha parte importante das e dos profesionais, sabemos que esta integración funcional, incompleta para nos, sufre unha nova ameaza: a negativa do persoal de Radioloxía da unidade de Resonancia Magnética de GALARIA a informar Ecografías e TACs, a pesares de que o persoal do servizo de radioloxía da EOXI de Vigo ten asumido unha parte importante das axendas de Resonancias Magnéticas, incumprindo o acordo acadado no ano 2016 que puña en marcha a limitada integración funcional.
A empresa pública GALARIA ten un modelo organizativo e retributivo propio, diferente ao do SERGAS, no que se paga aos seus especialistas en radioloxía por informes radiolóxicos efectuados (isto pode ser unha parte da explicación do elevado número de Resonancias Magnéticas que se fan na nosa área en comparación con outras equivalentes), e este diferente modelo retributivo é unha das causas do conflito.
Para entender o que supón a diferencia é preciso aclarar que nun servizo de radioloxía guiado polo interese público é preciso facer máis cousas que informes:
· Xustificación da exploración: indicar a exploración máis adecuada, falar co facultativo solicitante, recitar ao paciente se se decídese realizar outra técnica.
· Codificar e planificar o estudo para que se realice da mellor forma para o paciente aportando a maior información posible.
· Ter en conta parámetros que permiten mellorar a confortabilidade e trato humano ao paciente.
· Elaborar protocolos técnicos: actualización continua, probar e implantar e implementar novas tecnoloxías.
· Valorar a calidade do informe radiolóxico e non só o tempo empregado en facelo.
· Elaboración de guías clínicas que faciliten o proceso radiolóxico.
· Promover proxectos de investigación a pé de máquina que permitan o avance científico e mellorar a atención ao paciente.
· E moitas máis…
Rematar coa fragmentación no diagnóstico por imaxe e poñer os recursos públicos ao servizo das necesidades das e dos pacientes tería que ser o obxectivo da integración. E hai que facelo respectando os dereitos do conxunto das e dos profesionais, tanto de GALARIA como da EOXI de Vigo, pero os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de GALARIA non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria.
Por todo isto CIG-Saúde continúa a esixir á Xerencia da EOXI de Vigo e á Consellería de Sanidade a completa integración da RM xestionada por GALARIA na EOXI de Vigo.

Vigo 11 de maio de 2018

Manuel González Moreira

Secretario Comarcal CIG-Saúde Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario