18 de abr. de 2018

TRIBUNA ABERTA

AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN 

CONVOCATORIA DE ROLDA DE PRENSA: XOVES 19 DE ABRIL, ÁS  11:00 DIANTE DA SEDE DA  AECC DE PONTEVEDRA  

(Rúa Augusto González Besada, 9, Pontevedra)   

Coordinadora de plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas / Pontevedra

 Ante o doloroso pasamento do noso compañeiro Eugenio Domínguez Viñas, a coordinadora de plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas vai facer unha doazón de 1000 euros á Asociación Española Contra el Cáncer (AECC), este xoves ás 11:00 na sede da AECC en Pontevedra, para que sexan destinados á investigación.  

 O noso compañeiro foi diagnosticado en 2012, en pleno conflito das preferentes, converténdose en referente dunha loita sen tregua contra o Goberno consentidor desta estafa. 

 Entre tratamentos de quimioterapia interminables, náuseas, sabor metálico, cansazo extremo, floxeira de pernas e co frío metido nas entrañas, Eugenio sempre acompañou a plataforma do Baixo Miño e converteu a camiseta laranxa no seu estandarte e na súa bandeira. Foi vapuleado, insultado, tratado coma un delincuente, denunciado e multado.  Entendemos que este Goberno que maltrata a un enfermo de cancro e a tantos/as outros/as é quen debe facerse cargo da investigación para a erradicación desta lacra do século XXI, investindo nunha sanidade pública e universal, no canto de mallala a recortes.  

 O noso labor é, en todo caso, esixir que isto sexa así, e castigar co noso voto a quen dun xeito ou doutro merma a nosa saúde. Non son as doazóns particulares as que teñen que levantar o país que eles/as afunden.  

 Eugenio deixounos un exemplo de loita digno de imitar, facendo valer os seus dereitos até o derradeiro alento. É por iso polo que queremos honrar a súa memoria.   

 Galiza, 18 de abril de 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario