13 de abr. de 2018

PONTEVEDRA

O Partido Popular homenaxeará mañá nun emotivo acto a alcaldes e concelleiros falecidos e ás súas familias  

• Este evento, de exaltación do municipalismo fará protagonistas a aquelas persoas que sacrificaron parte da súa vida polo ben común e a súa vocación de servizo público 

• Feijóo, Alfonso Rueda e Ana Pastor compartirán atril xunto a familiares dos falecidos que glosarán o traballo realizado durante anos en concellos da provincia de Pontevedra  

 Infogauda / Pontevedra

 O PP na provincia de Pontevedra dedicaralle unha emotiva homenaxe aos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras que ao longo dos últimos anos faleceron e que protagonizaron boa parte da historia contemporánea do noso país impulsando coa súa vocación de servizo público o municipalismo en Galicia.  

 Este evento celebrarase a partir das 11 da mañá do sábado 14 de abril nas instalacións da Finca Batacos, en Salcedo (Pontevedra) e contará coa presenza do presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o presidente provincial do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, a presidenta do Congreso dos deputados, Ana Pastor, así como familiares e amigos de máis dun cento de alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras do Partido Popular que faleceron nos últimos anos.  

 O acto pretende agradecer publicamente o labor daqueles homes e mulleres que foron, moitos deles, protagonistas como pioneiros do municipalismo democrático no noso país e que, segundo Alfonso Rueda “lle debiamos unha máis que merecidisima homenaxe non só a eles senón tamén ás súas familias que saben, máis que ninguén, o sacrificio, o traballo e as renuncias ás que tiveron que someterse para sacar adiante os proxectos que modernizaron Galicia e os seus concellos”.  

 Durante a celebración farase un pequeno repaso emotivo pola traxectoria dos homes e mulleres do Partido Popular na provincia “que fixeron posible o avance e a modernización de todo un país desde a base, desde os concellos, coa partipación dos veciños e impulsando melloras na calidade de vida das persoas con imaxinación, traballo, honradez e capacidade de xestión”, indicou Alfonso Rueda.  

 Tamén está previsto que familiares, en representación de todos os homenaxeados, se dirixan ao público presente co fin de expresar o seu sentimento e a súa experiencia a raíz dun momento tan emotivo e cheo de lembranzas de tempos pasados, diferentes e intensos.  

 A organización ten prevista tamén a entrega duns modestos agasallos que sirvan para lembrar esta homenaxe e evidenciar o agradecemento que o Partido Popular sinte cara a esas persoas e aos seus familiares.     

 Ademais da intervención de Alfonso Rueda está tamén prevista a alocución de Ana Pastor e do presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen será o encargado de pechar este evento “de unidade e de reafirmación no sentir popular e de agradecemento a tantas e tantas persoas que co seu esforzo fixeron posible que Galicia avanzara ata cotas inimaxinables e que merecen todo o noso apoio e a nosa lembranza. Queremos que non caian nunca no esquecemento e manteremos viva e activa a súa memoria con actos que sirvan para reivindicar a súa xesta, a súa entrega e o seu compromiso primeiro cos seus veciños e veciñas, cunhas ideas, cun proxecto e cun país”, sinalou Alfonso Rueda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario